Aseguran que unha nena con necesidades especiais quedou fora dos campamentos mentres que si se lle outorgou praza a súa irmá. Consideran que é unha auténtica anomalía e esixen que o Concello proceda de xeito inmediato a solucionar esta situación.
O grupo municipal do PP vén de denunciar a existencia de deficiencias graves no proceso de concesión das prazas do programa de conciliación estival do Concello. Explican que se “ten detectado a discriminación entre irmáns dunha mesma familia, co cal o obxectivo do programa consistente en facilitar a vida laboral e persoal queda totalmente desbotado”.
En concreto, os populares revelaron o caso dunha familia que ten dúas fillas, a maior con necesidades de apoio quedou excluída das prazas, mentres que a máis cativa recibiu a concesión da mesma para as catro quincenas dos meses de xullo e agosto. Consideran que é unha auténtica anomalía e esixen que se proceda á solución inmediata deste caso, así como a aumentar a contratación de monitores de apoio para atender adecuadamente todo tipo de casuística cos rapaces.
“Se se lle outorga praza a un neno e non se fai o mesmo co seu irmá non existe conciliación posible facilitada pola administración pública para as familias, xa que teñen que recorrer ou ben á empresa privada ou ben a familiares para atender ao cativo excluído”, lamentou o voceiro, Javier Bas, que considera que o goberno bipartito ten “un rotundo suspenso” na xestión do servizo de conciliación e que debe reformulalo para o seu axeitado funcionamento no futuro.
Tamén lamentaron os populares que a estes campamentos foran gratuítos ata o de agora e que a alcaldesa, Digna Rivas, implantase por vez primeira este verán unha taxa de 15 euros por quincena aos que deben engadirse 10 euros máis en caso de que asistan á aula matinal entre as 8.00 e as 9.00 horas.
Finalmente, os populares indicaron que a oferta, de 300 prazas distribuídas nas parroquias de Redondela, Chapela, Cesantes, Cedeira, Quinta, Reboreda e Vilar, supón un anacronismo, “xa que non se pode limitar a conciliación a unhas familias si e outras non, ten que ser algo universal e o Concello debe habilitar todas as prazas que sexan necesarias”.