O condutor, que ía recoller 60 alumnos de primaria dun colexio de Chapela, deu positivo en drogas e foi proposto para sanción. A empresa enviou outro condutor o que fixo posible que os nenos e nenas partiran cara Asturias, na que era a súa excursión de fin de curso.
Axentes da Policía Local de Redondela interceptaron ás 9:30 horas da mañá de hoxe luns un autobús en Chapela que se dirixía a recoller a un grupo aproximado de 60 menores de idade, nenos e nenas de 6º de primaria, que ían celebrar a excursión de fin de curso con destino Asturias.
Os axentes, que estaban a realizar un control aleatorio, déronlle o alto ao autobús, comprobándose a documentación do vehículo e do condutor quen foi sometido as probas de alcohol e drogas, dando un resultado positivo a proba de consumo de sustancias estupefacientes. Por este motivo foi proposto para sanción a espera da confirmación dos resultados no laboratorio.
Os axentes notificaron os feitos á empresa responsable e inmobilizaron de xeito preventivo o vehículo ata que chegou outro condutor en substitución quen se fixo cargo do desprazamento. Previamente someteuse tamén ás probas de alcohol e drogas dando resultados negativos.
Os axente insisten en que a proba deu positivo probablemente por consumo en días previos, e descartan que dito condutor conducira baixo os efectos das drogas