Chapela-Wofco destacou na XXX Bandeira masculina e a V feminina Concello de Vilagarcía, celebradas esta fin de semana en Vilaxoán, ao conquistar dous meritorios bronces nas categorías masculina e feminina. A regata, que reuniu á elite autonómica do banco fixo, serviu como preparación crave a poucos días do arranque das ligas de traiñeiras.
Na quenda de honra masculina, Chapela-Wofco alcanzou o segundo posto cun tempo de 21:23.59, superando por tres segundos a Ares, que competirá na Eusko Label Liga. Cabo de Cruz dominou a proba desde o segundo longo, vencendo con 21:13.03, mentres que Samertolameu foi cuarto (21:31.16). Na primeira quenda, Bueu impúxose con claridade (22:18.80), seguido por URME (22:32.55) e Mecos (22:52.49).
Na categoría feminina, Chapela-Wofco fíxose notar novamente ao lograr a prata na quenda de honra cun tempo de 11:39.73. Estaleiro levou a vitoria con autoridade (11:29.32), e Tirán completou o podio (11:51.07). Cabo finalizou sexta (12:25.00) e Censates- Bueu sétima cun tempo de 12:30,69.
Con esta Bandeira Concello de Vilagarcía terminan as probas de fronte ao comezo da liga Galega que será o vindeiro sábado en augas de Chapela onde darán inicio as tres categorías da LGT. Pola súa banda Cabo e Ares deberán esperar unha semana máis para o inicio da liga Euskolabel.
LIGA GALEGA DE VETERANOS
A III Bandeira de Veteran@s do Club de Remo Muros foi para Cabo da Cruz en categoría feminina e de Samertolameu na masculina.
Na categoría masculina Samertolameu sumou a súa sétima Bandeira dentro da liga tras superar en algo menos de dous segundos a Vila de Cangas que saíu na primeira quenda. Cabo foi terceiro, Rianxo cuarto, Chapela quinto, Muros sexto, Esteirana sétimo e Celeiro oitavo.
En categoría feminina Cabo superou a Poboa por 56 centésimas o que deixa a liga a falta da última xornada coas dúas tripulacións empatadas a puntos (35) e vitorias (5), polo que o título de liga decidirase na última xornada de Liga. Na terceira posición da regata clasificouse Vila de Cangas superando a Mera.
A próxima fin de semana finalizará a liga de veteranos en augas da Pobra do Caramiñal.
COMEZA A LIGA GALEGA DE TRAIÑEIRAS
A Pobra acolleu esta fin de semana a presentación oficial da Liga Galega de Traiñeiras. O acto realizouse na praia da Lombiña, onde se desvelou que este ano tomarán parte preto dunha trintena de equipos. As primeiras probas – XL Bandeira Concello de Redondela, X Bandeira Feminina Concello de Redondela, III Bandeira Chapela-Wofco- , serán este sábado 28 de xuño en Chapela.