O programa de adopción felina do concello de Redondela busca familia responsable para adoptar algún dos tres gatiños de apenas mes e medio que precisan dun fogar. Bautizados como Nuska, Bico e Sugus, son tres gatos orfos que foron acollidos polos Concello o pasado 19 de maio cando contaban con apenas 7 días de vida. Foron alimentados a biberón e xa están preparados para seren adoptados por persoas responsables. Os interesados poden poñerse en contacto coa Concellería de Sostibilidade a través do teléfono do Concello no 986 400 300.
O programa do concello cubre a eliminación de parasitos, test, vacinas e a esterilización cando teñan a idade recomendada. Deste xeito a persoa que adopte aos animais non ten que asumir ese gasto inicial que supón ter baixo a súa responsabilidade un animal.
O programa de adopción felina consta de dúas partes: una pre-adopción, para gatos menores de catro meses e a adopción definitiva. A primeira das fases esténdese ata o momento da esterilización e nesta etapa o Concello faise cargo de todos os gastos ata a colocación do microchip no animal, pasando a ser xa a persoas adoptante a responsable.
Dende a Concellería faise un chamamento á adopción para “pechar o círculo” e lembran ás persoas interesadas que só teñen que poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 986 400 300.
O concelleiro responsable Roberto Villar fai tamén un chamamento á veciñanza para que no caso de atopar unha cría de gato na rúa que non se colla o animal inmediatamente e que se chame aos servizos do Concello que serán os encargado de informar de cal sería a actuación correcta. Lembran que no 90% dos casos os animais teñen nai, non están perdidos, están sendo trasladados a outro lugar e a nai pode tardar horas en volver. Por este motivo é moi recomendable “facer un seguimento dende a distancia antes de tentar cóllelo”. Esta acción axudará a localizar a gata que está sen esterilizar a que a cría continúe alimentándose de leite materna ata que teña a idade suficiente para retiralo da colonia se é pertinente.