Hoxe é Domingo 6 de Xullo de 2025

O sacro e o profano únense no día grande das Festas da Coca

WhatsApp Image 2025-06-20 at 11.19.14 (2)

Baixo un ceo solleiro, ás 11:00 horas, a Virxe A Gabacha iniciou o seu solemne traslado dende a igrexa de Vilavella ata a de Santiago de Redondela. Acompañárona a Banda de Música de Redondela, os mozos da Danza das Espadas, vestidos de branco impoluto, e as Penlas, pequenas anxeliñas que danzaban xunto ás súas Burras. As rúas, engalanadas con alfombras florais de arte efémera, tecidas polos veciños e veciñas, guiaban este cortexo como un tapiz de cores e fragancia.

Ao mediodía, o temido monstro da Coca apareceu, pero non viña só. Mordomos, Diañiños, Xigantes e Cabezudos desfilaban ao son das gaitas do grupo de gaitas Son do Castro. Os nenos e nenas, valentes e cheos de ilusión, corrían tras a criatura para “domala”, algúns subindo ao seu lombo e outros atrevéndose a coñecer as súas entrañas. A misa maior seguiu este desfile, enchendo o corazón da vila de solemnidade.

Pasadas as 13:00, o momento máis esperado chegou. Sobre as alfombras florais, a Danza das Espadas, as Penlas e as Burras bailaron en perfecta harmonía, recreando a vitoria sobre a Coca. Os danzantes, coas súas espadas e castañuelas, trazaban formas xeométricas con movementos precisos, mentres as Penlas, sobre os ombreiros das Burras, xiraban en espirais como anxos celebrando a paz. O punto álxido foi na Praza da Constitución, onde a multitude estalou en aplausos.

Pola tarde, a calor deu unha tregua e a Alameda de Castelao encheuse de risas co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, que fixo bailar a pequenos e grandes. Xa entrada a noite, a orquestra Marbella puxo o broche de ouro ao “xoves da Coca” no Campo da Feira, enchendo a vila de ritmo ata ben entrada a madrugada.

ALFOMBRAS FLORAIS E TRADICIÓN

A vila engalanouse de cor e tradición para celebrar as Festas da Coca, unha fusión de devoción polo Corpus Christi e raíces pagás, transformando as súas rúas nun espectáculo único: as alfombras florais. Estas obras de arte efémeras, tecidas con pétalos, follas e o cariño dos veciños, converten o percorrido nun lenzo vibrante polo que desfila a Virxe “A Gabacha”, desde a igrexa de Vilavella á de Santiago, acompañada pola Danza das Espadas e a Banda de Música Municipal. Declaradas de Interese Turístico de Galicia, as festas fusionan fe, a lenda da Coca e o esforzo comunitario dos alfombristas, auténticos artífices desta tradición.

Ángeles Viruleg e Leonor Vidal, veteranas que comezaron na infancia, lideran xunto a Susana Ricón, incorporada hai 20 anos, os deseños das alfombras na Rúa Isidoro Queimaliños, sempre orixinais: “Nunca usamos plantillas antigas, cada ano é un novo reto”, di Ricón. As tres debaten para crear tapices que mesturan tradición, cultura e actualidade. Deseños como a Danza das Espadas, Rosalía de Castro, Castelao, Dalí, a Catedral de Santiago, as penlas coas burras ou a Coca decoraron as rúas, especialmente en vías como Isidoro Queimaliños, onde os motivos relixiosos se reservan para os atrios.

“Comezamos a debuxar catro día antes e varis semanas antes é cando recollemos o material”, alfombristas.

As alfombras, feitas con flores, coquiños e café para as sombras, reivindican a técnica tradicional dos anos 60, afastándose do sal de cores introducido hai unha década. “A flor é a esencia, temos recordos moi bonitos buscandoa en lugares como As Gándaras ou San Esteban de Negros, onde atopabamos a ‘francesita’ e o mirto. Para nós, sen flores unha alfombra é un tapiz”, conta Ángeles. Este ano, uns 30 a 40 alfombristas, dende un neno de 4 anos (neto de Leonora) ata unha muller de máis de 90 anos, traballaron xuntos, aínda que lamentan a falta de relevo xeracional: “Tememos polo futuro da tradición e sería unha pena que se perderá pola falta de interese en tomar a iniciativa”.

“Que sigan sendo alfombras florais”, Ángeles.

A pesar de retos como a choiva, o vento ou mesmo algún can que desfan o traballo, o grupo levántase ás 5 da mañá para os retoques finais, con “ansias e moita emoción”. “Ver o resultado é apoteósico, algunhas choramos”, confesa Susana. Para protexer as alfombras, mesmo algún ano construíron diques contra a auga. Entre os momentos especiais, destacan o chocolate con rosca, unha tradición que une o grupo, e as anécdotas de buscar flores polo monte.

O compañeirismo é tal que se consideran “familia”. Nos últimos anos, a participación cambiou: antes cada rúa facía a súa alfombra, pero agora xúntanse amigos e familiares doutras zonas. A presenza de peregrinos tamén creceu, algúns mesmo axudan, como un pai e unha filla de Oregón este ano. “Son moi respectuosos e intégranse con nós”, di Leonora.

“Enche de orgullo ver a túa rúa chea de cor e creemos que queda apoteósico”, alfombristas.

Pero a maxia non remata. Hoxe, a Virxe A Gabacha regresa a Vilavella acompañada da Banda de Música Municipal, e ás 19:30 comezará o Rock Redondela con bandas como Perfectos Estraños, Retroblues, Elevën, Grupo América e Heredeiros da Crus. O sábado será a quenda das orquestras Gran Parada e Grande Amore, e o domingo, a procesión e a Danza das Espadas despedirán a Coca ata o vindeiro ano.

Redondela, unha vez máis, demostrou que a súa tradición é un fío máxico que une pasado e presente, tecendo historias de coraxe, fe e comunidade. A Festa da Coca non é só unha celebración; é un encantamento que perdura no corazón de todos os que a viven.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: