O Concello de Pazos de Borbén informou, a través dun comunicado oficial, que nos últimos días se detectou un nivel baixo de auga no depósito de Moscoso, sen que este consiga recuperarse adecuadamente. As autoridades municipais apuntan como posibles causas un aumento no consumo de auga ou a existencia dunha avaría aínda non localizada na rede.
Para previr problemas no abastecemento, o Concello recomenda á cidadanía moderar o consumo de auga e comprobar os contadores domésticos para detectar posibles fugas. En caso de que, coas billas pechadas, se rexistre movemento no contador, isto podería indicar unha fuga no interior da vivenda. Así mesmo, solicítase aos veciños que notifiquen ao Concello calquera indicio de terreo húmido ou saídas de auga que poidan proceder dunha rotura na rede pública, xa que, ata o momento, non se localizou ningunha avaría.
O Concello agradeceu a colaboración da cidadanía e pediu comprensión para garantir o correcto funcionamento do servizo de auga.