Hoxe é Mércores 16 de Xullo de 2025

Comeza o Festival Rock Redondela

WhatsApp Image 2025-06-20 at 13.31.13

Foto de Elevën

O campo da feira de Redondela acolle hoxe venres 20 de xuño o Festival Rock Redondela, integrado na programación da Festa da Coca, cun cartel que promete converter esta edición no maior evento de rock da historia da vila. A partir das 19:30 horas, e durante máis de sete horas, cinco bandas, entre elas as locais Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën, encherán o escenario de talento e enerxía.

O prato forte será a actuación de Heredeiros da Crus, que presentarán o seu novo disco Trankimasin ao redor da medianoite, ofrecendo un espectáculo cargado de retranca e sonoridades setenteiras que promete facer vibrar ao público. O festival complétase co dobre pase de América de Vigo, que renderá tributo a bandas míticas como Iron Maiden, Guns N’ Roses ou Metallica, pechando a noite ás 01:30.

A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, destacaron o compromiso do Concello co talento local e a cultura como motor dinamizador, subliñando a importancia de dar visibilidade aos artistas redondeláns. Este festival é unha mostra clara dese apoio, ao contar con tres bandas locais que representan a diversidade e a calidade da escena musical da vila.

Perfectos Extraños: a unión do talento local

Perfectos Extraños é unha banda tributo a Deep Purple que naceu de forma espontánea para celebrar o aniversario de tres dos seus membros, Lui, Juanín e Pina, nun evento organizado no Brisa. A eles uníronse Berto, Félix e Fran, formando o núcleo inicial da banda.

Juanín de Perfectos Extraños.

Retroblues: quince anos de blues e rock

Retroblues, formada en 2003 por Jorge Álvarez (baixo e coros), Juan Álvarez (guitarras e voz) e Lucho Vilas (batería), xunto a Nardo Lake (trompeta, coros e armónica) e Nacho Pérez (saxo), é unha banda con raíces profundas na escena musical de Redondela. Os seus membros, que xa compartiran escenario nos 90 con Nembargantes, decidiron apostar polo blues, un xénero que os define tras quince anos de traxectoria, dous discos editados e multitude de concertos por salas e festivais de Galicia.

Juan de Retroblues.

O seu primeiro traballo, Retroblues (2008), gravado nos estudos A Lagharteira de Soutomaior con Isaac Millán, inclúe cinco cancións e colaboracións de Pili, Ana Ra e Ana de Circo de Pulgas, ademais de Javi “Vespa”. En 2011 chegou En Vena, un álbum autoproducido con dez temas propios, como “La fería”, “Blues en vena” ou “Elvis en la radio”, que reflicte unha evolución cara a un son máis rockeiro e profesional. En 2014, contribuíron cun tema en galego ao CD colectivo Son Titiriteiro do Festival de Títeres de Redondela.

Elevën: o futuro do hard rock redondelán

Elevën, formada por Dani (voz), Martín (guitarra e voz), Chimpy (guitarra), Fran (baixo) e Elvis (batería), é unha banda de hard rock e metal alternativo que bebe de influencias como Ghost, Alter Bridge, HIM ou Avenged Sevenfold. A súa andaina comezou en 2022, cando debutaron como teloneiros de Miguel Costas (ex-Siniestro Total) na súa vila natal, nun concerto que marcou o inicio dun proxecto en constante evolución. Tras varios cambios na formación, con ex-membros como Pablito (teclados) e Varo (batería), a banda gravou o seu primeiro EP, Parallel Shadows, con catro temas, baixo a produción de Dany Soengas (guitarrista de Atreides).

O EP foi presentado nunha xira que os levou ao Brisa Chiringo en Cesantes, ao Liceum de Porriño e á sala Transylvania de Vigo, ademais de facer historia como a primeira banda de metal en actuar no programa Quen Anda Aí da TVG. Agora, nas Festas da Coca, Elevën promete un espectáculo vibrante xunto a Heredeiros da Crus, América de Vigo, Retroblues e Perfectos Extraños, consolidándose como unha das promesas do rock redondelán.

Este festival non só celebra a música, senón tamén a identidade cultural de Redondela, unindo a tradición da Festa da Coca coa forza do rock local e galego.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: