O Arealonga F.S. fai un balance moi positivo da tempada 2024/2025, marcada por emocións, retos e notables logros, especialmente no fútbol sala feminino e nas categorías de base. Coa recente presentación oficial dos seus equipos, unha gala chea de espectáculo e a 20ª edición do seu histórico Torneo de Fútbol Sala de Chapela á volta da esquina, o club vive un momento de crecemento e entusiasmo. O presidente, Iván Vázquez, comparte os fitos alcanzados e os obxectivos de futuro.
Unha gala para celebrar o espírito do club
A presentación dos equipos tivo lugar a finais de maio, un evento que reuniu á familia do Arealonga F.S. nun ambiente festivo. Segundo Vázquez, o club conta con 160 fichas e 16 equipos en todas as categorías, agás cadete e xuvenil masculino, que serán unha prioridade para completar na próxima tempada. O evento destacou polo espectáculo de freestyle a cargo de @_.renatovc, quen deixou ao público “co a boca aberta cos seus trucos imposibles, acrobacias e interacción cos máis pequenos”, segundo o técnico.

A gala tamén incluíu unha entrega de trofeos, recoñecendo a todos os asistentes cun galardón conmemorativo. Ademais, premiouse a un xogador ou xogadora de cada equipo polo seu compañeirismo e valores deportivos, unha tradición anual do club. Nun xesto emotivo, entregáronse camisetas personalizadas a un avó, unha avoa, un pai e unha nai presentes nas bancadas, “en recoñecemento ao piar fundamental que son as familias”, subliñou Vázquez. Os directivos e técnicos tamén foron galardoados polo seu traballo durante o ano.


Logros históricos na base
A tempada foi especialmente brillante para as categorías de base. O alevín feminino fixo historia ao chegar á final da Copa Galega, quedando subcampión galego de liga, e subcampioas de copa galega. Pola súa banda, o prebenxamín A masculino proclamouse campión da Copa Delegación tras un vibrante encontro ante o Treboada F.S. As categorías infantil e xuvenil femininas tamén brillaron, alcanzando as semifinais do campionato e da liga galega, respectivamente, situándose entre os catro mellores equipos de Galicia. Estes éxitos consolidan ao Arealonga F.S. como un referente no fútbol sala feminino, un selo de identidade do club desde a súa fundación cun equipo feminino hai xa 22 anos.

Outro fito destacado foi o do alevín mixto, que logrou manterse na máxima categoría da liga galega nun final de tempada de infarto. “Salvámonos na última xornada, foi un dos maiores logros da nosa base”, afirmou Vázquez.

Sénior: retos e ambición
No apartado sénior, o equipo feminino, que compite en Primeira Galicia, asegurou o seu paseaos cuartos de final da Copa da Liga de Primeira Futgal F.S., finalizando a liga en sétima posición con 14 puntos. “É un equipo moi novo, con moitas ganas. O obxectivo é mantelo unido e seguir crecendo”, explicou o presidente, facendo un chamamento para que máis mozas se sumen ao proxecto.

Pola contra, o sénior masculino, que xoga en Preferente, tivo unha tempada complicada, rematando penúltimo e descendendo a Primeira. O club aposta por crear equipos cadete e xuvenil masculinos para garantir a continuidade do sénior, co obxectivo inmediato de alcanzar os play-offs e recuperar a categoría perdida.

20ª edición do Torneo de Chapela: unha cita imprescindible
O broche final á tempada será a 20ª edición do Torneo de Fútbol Sala de Chapela, que se celebrará do 21 ao 29 de xuño no Pavillón Municipal de Chapela. As categorías da base competirán do 21 ao 29, mentres que os equipos sénior (masculino, feminino e mixto) farano do 24 ao 29. As inscricións para as categorías de base xa están pechadas, pero os equipos sénior poden inscribirse ata o 18 de xuño. “As prazas están a voar, é unha oportunidade única para gozar do fútbol sala”, animou Vázquez.


Un futuro prometedor
Coa base consolidada, un proxecto feminino en auxe e un torneo que celebra 20 anos de historia, o Arealonga F.S. mira ao futuro con optimismo. “Queremos seguir sendo un referente no fútbol sala, especialmente no feminino, e darlle continuidade aos nosos proxectos”, concluíu o presidente. O club de Chapela prepárase para unha nova tempada chea de retos, co apoio da súa afección e o orgullo de levar o nome da parroquia ben alto.
