A actividade desenvolverase este venres 20 ás 19h nos xardíns da Xunqueira, diante do Multiúsos, organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Redondela. Os integrantes de Polo Correo do Vento serán os encargados de achegar a cativos e cativas o papel fundamental das cantareiras na conservación e divulgación do idioma.
Co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a lingua, a quen este ano a Real Academia Gallega lle dedicou o Día das Letras Galegas, a Deputación achega a Redondela unha actividade de contacontos que, de xeito ameno e participativo, percorrerá a biografía destas mulleres baixo o título Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas.
Unhas cantareiras personificadas nas mulleres Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Nesta actividade, que desenvolve Polo Correo do Vento, alternarase a narración sobre as cantareiras homenaxeadas este ano coa creación dun debuxo mural en directo e coa interpretación de pezas que cantaban estas mulleres ou algunhas propias da localidade onde se desenvolve esta acción, que rematará cun obradoiro de debuxo no que, seguindo as indicacións do ilustrador, o público asistente debuxará unha caricatura dunha pandereteira.