Manuel Conde “Manolo Casa Paco” será o pregoeiro deste ano nunhas festas da Coca que arrancan este mércores e que se prolongarán ata o domingo 22. As alfombras florais e as danzas das Espadas e as Penlas serán as protagonistas desta festa que o venres 20 de xuño contará coas actuacións de Heredeiros da Crus, América de Vigo e os grupos locais Perfectos Extraños, Retroblues e Elëven.
Co gallo das festas tamén se organizan viaxes en barco con visita guiada á illa de San Simón os días19, 21 e 22 de xuño. A inauguración oficial será o mércores coa lectura do pregón ás 20:00 horas na praza do Concello.
Nesa mesma xornada, ao tempo que os alfombristas traballan na elaboración das alfombras florais nas rúas do centro da vila e do casco vello, a música soará no campo da feira coa orquestra Panorama City.
O venres terá lugar o tradicional certame Rock Redondela con cinco concertos e máis de 7 horas de música rock a partir das 19.30 horas con entrada de balde. Subiranse ao escenario os redondeláns Perfectos Extraños, Retroblues e Elevën. A banda galega Herdeiros da Crus actuará a media noite, presentando o seu último álbum “Trankimasin”. América de Vigo ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos con dous pases, o primeiro ás 21.30 horas e o segundo ás 01.30 para pechar o festival.
Dende a concelleira de Cultura, Rita Pérez salientaba a programación musical incluída no programa deste ano “cunha ampla oferta de grupos e estilos que se suman esta tradición secular”.
Na xornada do sábado os concertos comezarán ás 22.00 horas con Gran Parada, para dar paso ás 01.00 a Grande Amore. O trío formado por Nuno Pico, Clara Redondo e María Grep presentará o seu disco “III”. O dj Rodri Vegas completará a oferta musical da noite. Xa o domingo as festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela e a orquestra Olympus.
Deporte na rúa
O deportes tamén estará presente na programación coa competición “Balonmán na rúa” o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao. O domingo será a quenda da patinaxe con “Patina na rúa” ás 19.00 na pista da Xunqueira.
Viaxes á illa de San Simón
Co gallo da Festa da Coca os días 19, 21 e 22 organízanse viaxes en barco á illa de San Simón con visita guiada ao prezo de 6 euros por persoa. Haberá saídas desde o peirao do museo Meirande e desde o porto de Cesantes. Poden mercarse as entradas no museo Meirande (986 458 891), na oficina de turismo de Redondela (986 401 713) e en www.crucerosangel.com






