“Traio sobre o corpo o arrecendo dos lirios e da azucena de maio, hortensias entre as costuras, anticipándome ao próximo alfombrado floral porque é aí, no corpo, onde os libros florecen” con estas palabras da poeta Silvia Penas quedaba inaugurada a Feira do Libro de Redondela que se vai prolongar ata o vindeiro domingo cun programa cargado de actividades pensadas para o público familiar como concertos, obradoiros e teatro así como a presenza de numerosos autores que se achegaran ás casetas das sete librarías participantes para asinar e conversar cos seus lectores e lectoras.
“Unha feira ao redor da lectura convértese nun acontecemento comunitario de gran importancia nestes momentos nos que a produtividade e a virtualidade está ameazando a nosa supervivencia como pobo”. Salientaba así Silvia Penas a relevancia das Feiras do libro que nos permiten achegarnos aos libros e recuperar “a palabra e a atención que é o máis valioso que unha comunidade pode ofrecer” nun pregón no que lamentaba a perda da identidade a consecuencia dos modos de vida actuais e reclamaba “o ritual de mirarnos, conversar, traer a palabra a punta da lingua, mollala nas augas de San Simón ou no doce torrente do Pesegueiro, do Macieras, do Alvedosa, nomealos, pronunciar o seu curso… Oxalá sexamos un pobo capaz de prestarlle atención ao noso legado”.
No acto de inauguración participaron Dositeo Pérez da Libraría La Imprenta, o deputado provincial Jorge Cubela e a alcaldesa Digna Rivas quen eloxiou a escolla de Penas como pregoeira, unha muller “brava” que é todo un referente non só na literatura, senón tamén “polo seu posicionamento feminista e unha visión crítica da sociedade”.
Os escritores e escritoras reúnense cos lectores
A edición deste ano da Feira do Libro de Redondela conta coa participación de sete librarías: La Imprenta, Moliere, Mandamamá, Galgo Azul, Libraría Pedreira, A Gata Tola e Uróboros, que ofrecerán aos visitantes unha variada selección de títulos cun desconto do 10% e reunirá un total de 20 autores. Escritoras e escritoras que pasarán polas casetas instaladas na Rüa Ribeiraque se achegan a esta feira para conversar cos seus lectores e lectoras e asinar os seus libros.
Algo que fará hoxe e mañá Alba López Paredes, autora da triloxía Nándidor. Desde Puertollano, Alba conquistou a milleiros de lectores coas súas historias de fantasía e ciencia ficción, e agora vén a Feira do Libro de Redondela a compartir a maxia de Nándidor e a súa recente adaptación ao manga así como os títulos “La leyenda de Noa” e “Glesea”. Hoxe e mañá asinará e conversará cos lectores.
Unha escritora que salienta o traballo que hai detrás deste tipo de eventos por parte da Federación de libreiros e por parte de cada unha das librarías participantes.
Na carpa de actividades hoxe a partir das 18:00 horas terá lugar o espectáculo os Xogos do paporrubio, xogos para toda a familia. Ás 19:15 Elisabeht Oliveira presentará As ninguén acompañada da escritora Xulia María. Nas distintas casetas ás 11:00 e as 17:00 estará Alba López que repetirá maña e as 12:00 horas e as 18:00 asinarán libros Perfecto Souto con Clarisa e Marta Argüelles con Volcánidas.
As actividades prolongaranse durante toda a fin de semana o sábado co espectáculo Conto Contigo de paco Nogueiras ás 18:00 horas e o contacontos Xela, aventura na fraga con Inma Soto unha hora despois. O domingo haberá teatro para familias con Pedra de Cartón e a representación do clásico Carapuchiña Vermella ás seis da tarde a a continuación o obradoiro Folla de Papel no que os participantes elaborarán marcapáxinas con papel reciclado.
