Hoxe é Domingo 22 de Xuño de 2025

O BNG critica o copago, a ausencia de compromiso lingüístico e a excesiva burocracia dos campamentos de verán

campamentos verán

Os nacionalistas falan dun campamento de conciliación que presentan numerosas carencias, entre as que destacan que se “prime a oferta máis barata sobre a calidade do proxecto, que mesmo obstaculiza a participación do alumnado con necesidades de apoio”. Lamentan tamén que o goberno local “obrigue por primeira vez aos seus usuarios e usuarias a facer un copago sen ningún fundamento” e que en ningún momento se contemple a posibilidade de inmersión lingüística en galego.

A convocatoria das actividades de conciliación para o verán do concello de Redondela volve ser motivo de polémica. As críticas do BNG poñen o acento nas bases para a contratación da empresa que se encargará de impartir estas actividades que aseguran priman a oferta máis económica sen valorar que presenten un proxecto “de ocio e lecer motivante e rico para os cativos e cativas”. O prioritario do goberno de Digna Rivas é abaratar os custes sobre a tipoloxía de actividades, asegura o voceiro nacionalista Xoán Carlos González quen engade que “tan só terá obriga de presentar o proxecto a empresa que gañe o concurso” quedando fóra da puntuación a calidade da proposta.

Lamentan tamén que neste 2025 “por primeira vez se obrigue a facer un copago sen ningún fundamento” e critican que no caso dos cativos e cativas con necesidades de apoio, se condicione a participación a unha valoración subxectiva xa que o prego recolle literalmente “poderán participar sempre que teñan capacidade de integración nun grupo e que as súas necesidades educativas especiais lle permitan participar e beneficiarse das actividades que se vaian a desenvolver”,  unha opción “claramente segregadora dun goberno que se cualifica de esquerdas”.

Lamenta Xoán Carlos González que en ningún momento se contemple a posibilidade de inmersión lingüística en galego. “As palabras grandilocuentes de Digna Rivas en favor do noso idioma demostran polos feitos que son baleiras, mentras se puntúan como melloras as horas en inglés, o galego queda nun valor a fomentar e mesmo abre a posibilidade a presentar os proxectos en castelán”.

Finalmente afirma o voceiro nacionalista que o proceso de inscrición segue cargado de excesiva burocracia e critica un modelo que cualifica de “continuista coas políticas da dereita, agravándoas impondo un copago, primando os criterios economicistas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: