O equipo Sub-12 Masculino do Club de Atletismo de Redondela (CAR) logrou un fito histórico ao clasificarse para o Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub-12 ao aire libre, que terá lugar o vindeiro sábado, 14 de xuño, nas pistas de atletismo de Balaídos. Esta será a primeira vez que o club participa como equipo neste prestixioso campionato, un logro que enche de orgullo a toda a comunidade do CAR.
A presidenta do club, Ana Romasanta, non puido ocultar a súa emoción: “É un feito histórico que nos clasificásemos como club para participar neste campionato. Estamos súper orgullosos dos nosos mozos e desexámoslles moitísima sorte. Evidentemente, tamén estamos orgullosos do traballo do adestrador, que é un piar fundamental no noso club”.
O adestrador, Javier Besada, destacou a importancia do espírito de equipo, especialmente nas probas de relevos: “Anímanse todos uns aos outros nas probas, e a proba de relevos, que é a máis de equipo, require traballar moito a entrega da testemuña. Nela corren catro deles xuntos, pasándose o testemuño ata a meta”.
Besada tamén recibiu eloxios dos seus atletas. Os mozos describírono como “moi simpático, moi amable e moi gracioso, porque adoita facer chistes e cousas divertidas”. Esta conexión co adestrador reflicte o bo ambiente que se vive no equipo, clave para o seu éxito.
Os artífices deste logro son un grupo de novos talentos, de ao redor de 11 anos, que levan aproximadamente tres anos adestrando no Club de Atletismo de Redondela. Estes atletas competirán en diversas probas, demostrando a súa habilidade:
- Xián García Pereira (60 m)
- Daniel Barciela Cusi (500 m)
- Adrián Sacristán Manuel (1000 m)
- Roi Casal Darriba (2000 m Marcha)
- Frán Méndez García (Salto de Altura)
- Matías Soler Vilas (Salto de Lonxitude)
- Mateo Menéndez Abalo (Lanzamento de Peso)
- Martín Iglesias Iglesias (Lanzamento de Peto)
- Relevos 4×60 m (Frán, Mateo, Adrián, Matías)
Os relevos 4×60 m son unha das probas máis esperadas, xa que Matías, Mateo, Adrián e Fran serán os que demostren a súa coordinación. Os deportistas compartiron o que máis lles gusta da competición: “Coñecer moita xente, ir o máis rápido que poidas e despois saltar todo o que poidas. Tamén nos gusta tentar ir máis rápido cada vez que corremos”. Todos coinciden en que “o importante é pasalo ben”.
O CAR competirá xunto a outros destacados clubs galegos, como a S. Gimnástica, ACDA Piriguilla e ADAS Cupa, nunha xornada que promete ser emocionante. As probas desenvolveranse de forma individual durante a mañá, deixando os relevos como broche final.

Por se fose pouco, o martes 10 de xuño, durante o adestramento das categorías menores, o club aproveitou para presentar a súa nova mascota, Coquiña, creada por Puntadas de Balbina. O CAR agradeceu á mercería o seu traballo e dedicación, destacando que Coquiña será un símbolo de unión e ánimo para todos os seus membros.

Este logro non só reflicte o talento dos atletas, senón tamén o esforzo colectivo do club, que se prepara con ilusión para deixar pegada no Campionato Galego.