A Asociación a prol do museo Angel Barros organiza na tarde de hoxe, xoves 12, ás 19:30 horas unha conferencia na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda a cargo de Andrea Serodio, encargada da catalogación da obra cedida polo artista ao concello de Redondela. Unha actividade que servirá para coñecer as pezas que conforman esta colección así como para reivindicar o museo que se prevía construír na Casas dos Mestres.
A colección, conformada por un total de 154 pezas continúa á espera de que se constrúa un espazo axeitado para a súa exposición. A Asociación a prol do museo constituíuse precisamente para velar polo legado de Barros e impulsar o compromiso do Concello para outorgarlle a estas obras un lugar de conservación axeitado. Neste sentido reclaman que se retome o proxecto museístico nas antigas Casas do Mestres e inician un ciclo de actividades con expertos en arte para dar coñecer a obra de Barros.
A encargada de inaugurar este ciclo é Andrea Serodio Domínguez, persoa que levou a cabo a catalogación da obra cedida a Redondela por parte do pintor, quen falará esta tarde da relevancia das pezas que conforman esa cesión. Obras que son “enumeradas, medidas, fotografiadas e contextualizadas” e entre as que se atopan reproducións de obras de arte moi coñecidas, interpretacións de fotografías, obras propias e incluso algunha pequena escultura.
En consonancia coa asociación que organiza esta charla, Serodio salienta o valor de contar cun museo que amose todas esta obra “sería como ter un pequeno Louvre ou un pequeno museo do Prado en Redondela” con reproducións de obras mestras da historia. Salienta tamén a “carga social” que se aprecia na obra de Barros “sempre ao carón dos oprimidos e dos máis desfavorecidos, algo que se aprecia perfectamente na súa colección” así como o “traballo especialmente minucioso que se pode apreciar en todos os cadros, especialmente á hora de pintar os téxtiles”
Anima a todos os amante do arte a achegarse a esta charla que se desenvolverá esta mesma tarde en Reboreda.