A Asociación cultural amosa a súa indignación ante o “estado de total desconsideración e abandono” ao que se ten sometida a escultura de Eiravella dedicada a Blanco Amor e que se ten convertido “nun almacén de obra”. Instan ao concello a retirar de xeito inmediato os materiais almacenados e apoiados ao redor do monolito e a traballar pola posta en valor da escultura coa colocación dun panel informativo e a recuperación do seu perímetro orixinal con elementos vexetais ou ornamentais.
A escultura foi instalada en 1982 polo Concello de Redondela para homenaxear ao escritor Eduardo Blanco Amor. A escultura está situada no aparcadoiro do Campo da Feira e atópase nun estado de total desconsideración e abandono: o monólito granítico, obra escultórica orixinal de Juan Otero García “Eiravella”, está a ser usado nestes momentos como soporte para material de obra: tubos metálicos, lousas de formigón e valados apóianse directamente sobre a súa superficie, desnaturalizando por completo o seu valor como ben conmemorativo e cultural.
A escultura ten gravada unha figura masculina cun neno nos brazos, acompañada doutros catro rapaces na parte posterior. Foi retirada pouco despois da súa colocación na Alameda por mor da polémica que xerou na época. A obra foi finalmente trasladada sen cerimonia ao espazo lateral do aparcadoiro da feira, onde permanece desde entón delimitada por unha pequena varanda ornamental e rodeada de vexetación. Hoxe, denuncian dende Alén Nós “a súa integridade como escultura está completamente comprometida” malia tratarse dunha obra dedicada a un auto fundamental da narrativa galega que “non merece o esquecemento nin o uso vexatorio que se está a facer do monumento que lle foi dedicado”.
O colectivo insta ao Concello a reflexionar sobre o trato que damos aos nosos referentes culturais e ao espazo público que lles dedicamos e reclama a retirada inmediata dos materiais almacenados e apoiados ao redor do monólito, por respecto ao seu significado simbólico. Solicitan tamén a restauración e contextualización da escultura, mediante un panel informativo e a recuperación do seu perímetro orixinal con elementos vexetais ou ornamentais.
Finamente solicitan ao goberno local que se poñan en contacto co propio autor, o escultor Juan Otero García “Eiravella” con obra presente nos principais museos de Galicia e en coleccións privadas, para realizar unha intervención que permita resaltar os gravados que conforman a figura de xeito que sexan perfectamente perceptibles para o observador, na actualidade invisibles a simple vista.