Profesorado e persoal non docente do IES de Chapela concentráronse na mañá de onte, martes 10 de xuño, durante o segundo recreo, para manifestar o seu rexeitamento á medida anunciada polo conselleiro de educación, Román Rodríguez, relativa á imposición da “neutralidade ideolóxica” nas actividades complementarias organizadas polos centros educativos.
Baixo o lema “Neutralidade ante a inxustiza = Complicidade”, a comunidade educativa do IES de Chapela expresou así o seu descontento cunha decisión que considera un intento de control ideolóxico e unha deslexitimación do labor docente, visibilizando a súa aposta por unha educación comprometida con valores como a defensa dos dereitos humanos, a igualdade, a diversidade ou o respecto ao medio ambiente como piares fundamentais para formar unha cidadanía democrática, crítica e responsable.