Entrega da Copa ao sénior feminino con Digna Rivas e Juan Luis Villamisar
O Chapela CF, fundado en 1958, vive un momento de esplendor deportivo e social. Cunha base de 250 xogadores e xogadoras, desde as categorías inferiores ata os equipos sénior, o club combina tradición, formación e ambición. Esta tempada 2024-2025, marcada por éxitos como o IV Torneo Concello de Redondela, a recuperación do histórico Torneo Berete e o dominio do equipo sénior feminino na Liga Vigo e na Copa, reflicte o bo momento da entidade.
Dominio do equipo sénior feminino
O equipo sénior feminino tivo unha tempada estelar na Liga Vigo, liderando a fase regular con 6 vitorias, 1 empate e 1 derrota en 8 xornadas, e dominando a Fase Ouro con 7 vitorias e 1 empate. Hermida resaltou a competitividade de rivais como o Tyde CF e o Praiña Sporting Club, pero subliñou o compromiso das xogadoras: “Teñen moitas ganas e precisan apoio. Pido ás administracións que aposten polo fútbol 7 feminino, clave para o futuro das deportistas”. O adestrador do equipo engadiu que o club está a promover xornadas de portas abertas para consolidar un equipo cadete mixto que apoie o sénior feminino e impulse xogadoras novas, como Uxía, que soña con profesionalizarse. A entrega da Copa de campioas da Liga Ouro, realizada polo presidente da Federación de Fútbol de Vigo (Juan Luis Villamisar) e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, celebrouse durante o IV Torneo Concello de Redondela.

Torneos de base: un éxito colectivo
O IV Torneo Concello de Redondela congregou a preto de 250 nenos e nenas das categorías prebenxamín, benxamín e alevín, reunindo clubs da contorna e do municipio nunha xornada chea de fútbol e valores. Os campións foron: en prebenxamín, 1º Colexio Hogar, 2º Casa Paco, 3º Santiaguiño Guizán; e en benxamín, 1º AD Lavadores, 2º Verdugo, 3º Colexio Hogar e 4º CD Choco. Con todo, o directivo destacou que “nestas categorías, o importante non son os podios, senón que todos os nenos e nenas se divirtan, reciban unha medalla e gocen dunha xornada de convivencia e compañeirismo”, subliñando o espírito formativo e lúdico do evento.

Torneo Berete
O club prepara a revitalización do Torneo Berete, que regresa tras cinco anos de parón. A primeira parte, para a categoría infantil, celebrarase o 14 e 15 de xuño, e a segunda, para cadetes, o 21 e 22 de xuño. “Queremos recuperar a ilusión deste torneo, que é sinal de identidade do club”, dixo Hermida, agradecendo o traballo incansable da directiva.
A competición da categoría infantil de fútbol 11 contará cun formato de 8 equipos distribuídos en dous grupos de 4. No Grupo A participarán o CD Choco, o Atlético de Matamá, o Chapela CF B e o AD Lavadores; no Grupo B, o R. de Pereiró, o SCD Pontecaldelas, o Gondomar FB e o Chapela CF A. Os dous primeiros clasificados de cada grupo avanzarán ás semifinais, onde se enfrontarán para determinar os finalistas e os equipos que xogarán polo terceiro e cuarto posto. En caso de empate ao final do tempo regulamentario, disputarase unha quenda de 3 penaltis para decidir o vencedor. O torneo desenvolverase en horario continuo de 9:00 a 20:00 horas.
Equipo sénior masculino: un proxecto a longo prazo
Na Terceira Galicia, o equipo sénior masculino finalizou no 12º posto de 16 equipos, sumando 27 puntos. “Non foi a mellor tempada, pero este é un proxecto a longo prazo con xogadores da base que queremos promocionar. Esta ano non logramos o ascenso, pero iremos escalando co tempo”, afirmou Hermida, destacando tamén o apoio do equipo xuvenil.
Un club en ascenso
O Chapela CF consolidou unha tempada estable e exitosa, apoiada no esforzo colectivo e na formación das súas categorías inferiores, que lograron ascensos en infantil, cadete e xuvenil a pasada campaña. Hermida resumiu: “Foi unha tempada de esforzo e traballo, con éxitos deportivos e a revitalización do Torneo Berete como fito”. O presidente agradeceu á directiva e ao club “por todo o traballo feito ao longo do ano, coa celebración das ligas regulares, os torneos e o campus de verán, un esforzo sen ánimo de lucro que hai que recoñecer”.
