De entre o mobiliario urbano que padece os efectos dos actos vandálicos as marquesiñas son as máis prexudicadas, con rotura de cristais e pintadas que afean estas estruturas. Con todo as actuacións vandálicas afectan tamén a bancos públicos, papeleiras e xogos dos parques infantís.
Nos últimos días procedeuse á reparar catro das paradas de autobús que se atopan no centro da vila. En concreto, as que se atopan na praza de Ribadavia, rúa Ernestina Otero, no Mercado Municipal e na Praza de Santiago.
A reparación consistiu en substituír os cristais naquelas que presentaban vidros rotos ou deteriorados. Estas instalacións sufriran tamén pintadas e, malia seren limpadas hai poucas semanas, volveron ser vítimas dos “graffitis”.
O edil de Benestar Comunitario e Parques e Xardíns, Pedro Villaverde explica que as pintadas e outras desfeitas no mobiliario urbano “supoñen para as arcas municipais un gasto de milleiros de euros cada ano”. Como exemplo advirte que só nos últimos dous meses os gastos en arranxos e substitución superan os 20.000 euros polos estragos en marquesiñas, bancos públicos e parques infantís.
Lamenta que este tipo de actos vandálicos se estean a producir de xeito recorrente, agresións contra o mobiliario urbano que afecta tamén aos parques infantís e que impiden aos cativos e cativas gozar destes xogos.