Redondela prepárase para acoller unha nova edición da Feira do Libro que arrancará este mesmo xoves día 12 coa apertura das casetas ás 11:00 horas e lectura do pregón ás 12:30 horas a cargo da poeta Silvia Penas. O evento desenvolverase nas inmediacións da Alameda, coa instalación de sete casetas na beirarrúa da Rúa Ribeira abertas en horario de mañá e tarde e actividades pensadas para público familiar con contacontos, obradoiros, teatro e música. Os amantes da lectura poderán beneficiarse dun desconto do 10%.
A Feira do Libro contará coa participación das librerías locais La Imprenta, Moliere e Mandamamá así como os stands das librerías Galgo Azul, Librería Pedreira, a Gata Tola e Uróboros. Ao longo das catro xornadas contarán coa presenza de numerosos autores e autoras que se achegarán a Redondela a presentar e asinar os libros.
Na xornada do xoves Pablo Vila con “A luz na névoa”, Samuel Ferro con “La queimada de las ánimas”, Carlos Gabriel Fernández con “50 lugares sagrados de Galicia” ou a “Doncella de hierro” de Eva Riobó, será os protagonistas nas casetas que poderán visitarse en horario de 11 a 14 horas e pola tarde de 17:00 a 21:00 horas. Unha xornada que acollerá o acto oficial con pregón a cargo da poeta Silvia Penas ás 12:30 e contacontos e xogos a partir das seis da tarde con Diego García.
Os Xogos do paporrubio, o espectáculo infantil Conto contigo de Paco Nogueiras ou o obradoiro Follas de papel que permitirá aos participantes facer marcapáxinas con papel reciclado, son algunhas das actividades pensadas para todos os públicos que se completan con contacontos ou a representación teatral de todo un clásico “carapuchiña vermella” a cargo de Pedras de cartón.
Beixo o lema “Onde florecen os libros” os veciños e veciñas poderán achegase a este escaparate literario durante catro días e, ademais de coñecer a algúns dos autores e autoras que visitan a feira nesta edición, terán un desconto dun 10% nos libros que adquiran durante a celebración da mesma.