Redondela acolle esta fin de semana o XI Torneo Interescolar organizado polo Club Baloncesto Redondela, coa colaboración do Concello de Redondela. O evento reunirá a 40 equipos e 280 nenos e nenas de entre 1º de Primaria e 4º de ESO, distribuídos nas categorías Cadete, Infantil, Minibasket, Premini e Babys. Os colexios que participan, son os seguintes: CEIP Plurilingüe Quintela, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Plurilingüe de Reboreda, CEIP Laredo, CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro, CEIP Santa Mariña, Coelxio Santiago Apóstol, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP Manuel Padín Truiteiro (Soutomaior) e CEIP Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas).
O torneo celebrarase en dúas localizacións: o venres 6 de xuño, de 16:00 a 18:00, no Pavillón do IES Mendiño, onde competirán as categorías Infantil e Cadete; e o sábado 7 de xuño, de 09:30 a 14:00, no Pavillón Municipal A Marisma, cos partidos de Minibasket, Premini e Babys.
O obxectivo desta iniciativa é xerar afección e paixón polo baloncesto, así como promover a presenza do club baloncesto Redondela na súa área de influencia e xerar sinerxias entre o club e o tecido social e educativo de Redondela.

O Concello de Redondela achegou o importe dos seguros de Responsabilidade Civil e Accidentes para cada participante. Ademais, os socios colaboradores doaron agasallos para o sorteo de rifas. Non hai vestiarios dispoñibles, polo que os participantes deberán cambiarse o calzado antes de entrar a pista.

