Hugo GZ, unha das figuras máis destacadas do rap galego, actuará hoxe venres 6 de xuño ás 21:30 horas, no XVIII Festival Millo Verde na Praia de Cesantes. Coas súas letras cargadas de compromiso social, orgullo galego e unha fusión única de hip-hop, reggae e rock, promete ofrecer unha actuación chea de enerxía. Ex-membro de SonDaRúa, atópase de xira presentando o seu primeiro álbum en solitario, O Noso Tempo, acompañado dun directo orgánico e potente xunto a Iván Prieto, Peter Petrowski e Arón Ferreiro.
Sobre o salto á carreira en solitario, Hugo admite que sentiu “vertixe e risco, sobre todo polo investimento económico” ao autofinanciar o proxecto. Porén, superado o parón tras SonDaRúa, atopou motivación no proceso: “Despois de sete anos tiña moitas ganas de facer a miña propia música. Comecei a escribir acompañado de Peter, gravamos probas e motivámonos gozando do que facíamos”. A versatilidade é unha marca do seu traballo, buscando que “cada tema sexa diferente ao anterior” para sorprender no directo, que define como un traballo colectivo aínda que leve o seu nome.
No Millo Verde, Hugo GZ promete un espectáculo dinámico de hora e vinte minutos, con algunha sorpresa que non quixo adiantar. “Imos con Iván Prieto pinchando as bases, Peter Petrowski nos coros con acompañamento musical e Arón Ferreiro na guitarra, que lle dá un toque hardcore e encaixa moi ben coas partes máis melódicas. Vai ser entretido, non vai aburrir”, asegura. A súa aposta pola música en directo é clara: “Co tempo, voume volvendo máis músico e menos rapeiro. Gústame levar instrumentos ao escenario, como a guitarra, e o ideal sería un directo con banda completa, aínda que require moitos recursos. A xente agradece a música en directo”.
O festival, que Hugo coñece ben por asistir como público en edicións anteriores, ilusiónao especialmente: “O Millo Verde ten un ambiente idílico e abre portas a estilos e grupos novos, como Escorzo ou Señora Tomasa, que agora escoito moito. Deberíamos apostar máis por este formato cultural en lugar dos macrofestivais”.
