Hoxe é Martes 24 de Xuño de 2025

Digna Rivas: “Actividades como o Sinsal ou o congreso de Bachata son unha ofensa para as vítimas do franquismo”

sinsal

A polémica en torno á celebración de actividades non vinculadas coa memoria histórica en San Simón cobran forza. Logo do anuncio dun congreso de bachata, do que os organizadores insisten en que se trata “dun congreso de baile e non unha festa masiva”, a alcaldesa reitera as súas críticas cara a Xunta por permitir na illa tanto esta actividade como outras tan populares como o Festival Sinsal que “nada teñen que ver coa Memoria Democrática”.

A Iniciativa Galega pola Memoria convoca á veciñanza a participar dunha concentración este domingo no Peirao de Cesantes ás  10:45 horas para protestar por esta actividade.

O Concello de Redondela insiste en que A Xunta “non pode permitir na Illa nin festivais como o Sinsal, que se celebrará en San Simón os días 25, 26 e 27 de xullo, nin eventos como o congreso “+Q bachata” que ao longo de tres días organiza a escola Dansarey cunha actividade tamén en San Simón  que inclúe “clases de baile e unha gincana cultural”. Así o explicou a alcaldesa Digna Rivas quen recrimina ao goberno galego que outorgue permiso para a realización de actividades nun espazo tan sensible que nada teñen que ver coa Memoria Democrática.

“Non estamos en contra dos organizadores, estamos en contra dos permisos que concede a Xunta. Dende hai anos lles vimos recriminando que dean cabida a festivais como o Sinsal, porque o noso deber é facer respectar a memoria desa Illa”.

A alcaldesa, xunto a colectivo como Alén Nós que tamén na xornada de onte amosou o seu malestar con esta actividade, reclaman a inclusión do Concello no patroado da Fundación Museo do Mar de Galicia, organismo xestor da Illa “para poder participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se realizan na Illa de San Simón”.

Iniciativa do BNG no Parlamento

Un debate que chega tamén ao parlamento da man do BNG que lle demanda ao goberno galego que desautorice o que cualifican de “novo acto ofensivo contra a memoria das vítimas e as súas familias”.

Segundo sinalou o deputado por Pontevedra Luís Bará, logo das desafortunadas declaracións recentes de destacados dirixentes do PP e do goberno sobre a historia da Illa, nas que minimizaban as mortes e asasinatos relacionados con este espazo, “estamos diante dunha escalada de provocación e unha aldraxe ás vítimas da represión franquista que parece non ter límites”.

Bará considera escandaloso, ofensivo e provocador o uso da Illa de san Simón que vén facendo a Xunta do PP: “Na práctica o principal espazo simbólico da memoria histórica galega está sendo xestionado por empresas privadas para facer negocio con actividades de carácter lúdico que son contrarias ao significado simbólico da Illa, ofensivas para as vítimas e as súas familias, e que vulneran as condicións da cesión por parte do Estado á Xunta”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: