A Carballeira do Peirao de Arcade acolle este venres 6 de xuño ás 22:00 horas a coproducción teatral “Costa da Morte, cartografía dun naufraxio” do Cetnro Dramático Galego, un espectáculo escrito, dirixido e interpretado pola actriz e dramaturga fisterrá Mariña Lestón.
A obra, con entrada de balde, propón unha viaxe pola historia marítima galega a través de relatos reais e cancións populares interpretadas en directo. Lestón recupera as historias de naufraxios que escoitou durante a súa infancia co obxecto de manter viva a memoria colectiva e visibilizar especialmente as mulleres que quedaron en terra: viúvas, orfas e aquelas que participaron las labores de socorro.
Esta proposta teatral forma parte da programación cultural do Concello de Soutomaior que inclúe o sábado unha visita á Finca Areeiro con inscrición gratuíta no enderezo www.soutomaior.gal e un concerto de fin de curso da Escola de Música da Banda Artística de Arcade, que terá lugar tamén este sábado ás 19:00 horas no Multiusos.