Malia rexeitar “calquera negociación co PP” para argallar un goberno alternativo ao liderado por Digna Rivas, dende o BNG non dubidan en criticar á alcaldesa de quen din que empregou a cuestión de confianza coma “unha chantaxe para tentar amordazarnos e silenciarnos”. Critican tamén os orzamentos que quedarán aprobados hoxe e que foron elaborados sen contar coa formación nacionalista.
Rematado o prazo para a presentación dunha moción de censura que desaloxe ao goberno de PSOE-AER da alcaldía -prazo aberto hai un mes a raíz da perda de confianza de Rivas no pleno do 5 de maio- os nacionalistas reiteran a súa negativa a negociar co PP e anuncian que “inician esta parte do mandato para presentarse ante os redondeláns como alternativa fiable sen ataduras co bipartidismo”.
Aproveita o voceiro do BNG, Xoán Carlos González para recriminar “os incumprimentos do acordo de investidura” por parte da alcaldesa e pon como exemplo “a negativa a elaborar uns orzamentos dende a base con nós, negarse a estudar propostas como o convenio de reconstrución do campanario de Reboreda, o proxecto dunha senda peonil ao colexio Igrexa en Chapela ou dunha nova biblioteca para Redondela”. Aseguran tamén que o goberno local “ocultounos a privatización de servizos como socorrismo, limpeza de praias ou de camiños e non nos informou do proxecto da estrada de acceso ao colexio Porto Cabeiro ata que xa se solicitara a subvención”.
Carga tamén o BNG contra o líder local do PP, Javier Bas polos seus “silencios antes a suba da factura de Sogama, ante o castigo da Xunta á confraría co Peirao de Cesantes, ou a súa negativa a recoñecer a precaria situación dos nosos centros de saúde”, silencio que dín “é unha contraprestación polos 60.000€ que recibe tras er nomeado como asesor da deputación”.