O voceiro da Iniciativa galega pola Memoria, que esta tarde impartirá unha conferencia no Multiúsos ás 19:30 horas sobre a Illa como Lugar da Memoria Democrática, rexeita actividades como a que esta fin de semana se vai celebrar neste espazo en torno á bachata. Dende o Concello reclama á Xunta a cancelación deste evento ao que asistirán persoas “solo VIP y Golden Pass” con temática de festa pirata e que consideran “unha ofensa para centos de familias vítimas da ditadura militar e a represión”. O colectivo Alén Nós súmase ás criticas e reivindican que se establezan límites á celebración de eventos que poidan danar física ou simbolicamente este recinto.
A tan só unhas horas da charla que Matías da Torre impartirá esta tarde no Multiúsos volve xurdir a polémica logo de que se dese a coñecer que está previsto celebrar este sábado un evento na Illa en torno á bachata. Unha información que levou á alcaldesa, Digna Rivas a esixir á Xunta a cancelación do mesmo chegando a cualificar de “indecente” que o goberno galego non promova actividades “para conservar a memoria democrática na illa” e permita este tipo de actividades. A alcaldesa esixe unha vez máis “o ingreso do Concello na Fundación Museo do Mar de Galicia para participar, coñecer e opinar sobre as actividades que se celebren na illa”.
O voceiro da Iniciativa Galega insiste en que este tipo de actividades “que banalizan o que alí aconteceu e que faltan ao respecto da memoria democrática” non poden ter cabida tal e como está recollido na cesión que o Estado fai á Xunta onde se establece tamén que non se poden realizar neste espazo actividades de interese privado. Unha norma que a Xunta está a incumprir amparándose na ausencia dun plan de usos que debería determinar o que se pode facer e o que non.
Neste sentido entenden que a Declaración da Illa como Lugar de Memoria Democrática – prevista para o mes de agosto- servirá para “establecer por lei que actos se poden facer nun espazo destas características e que teñen que estar centrados na divulgación dos dereitos humanos e do antifranquismo”.
Denuncian tamén a pretensión actual da Xunta “de converter San Simón nun parque de atraccións”.
Pola súa banda, o colectivo Alén Nós, reivindica tamén a necesidade de establecer límites á celebración de eventos que poidan danar física ou simbolicamente este recinto. Poñen ocmo exemplo os festivais que conlevan amoreamentos de público, festas comerciais ou actividades de carácter alleo ao valor histórico do lugar que poden poñer en risco non só a conservación material da illa, senón tamén o seu sentido simbólico como espazo cultural da ría de Vigo e da memoria histórica.