Ábrese agora un período de 15 días para a presentación de alegacións a un documento que entrará en vigor a finais de mes. Dende o PP, formación que non foi quen de presentar un goberno alternativo ao non contar cos votos suficientes para sacar adiante unha moción de censura tras perder Digna Rivas a confianza do pleno, lamentan que Redondela “malia contar con orzamento seguirá nunha situación moi precaria pola crecente xenreira entre PSOE, BNG e AER”.
Este xoves cúmprese un mes dende que se celebrara o pleno no que a alcaldesa Digna Rivas presentara unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos. Tras perder a votación o pasado 5 de maio abríase un prazo dun mes durante o cal o resto dos grupo podían presentar un candidato alternativo, cuestión que se descartou xa dende o inicio unha vez que o PP confirmou que carecía de apoios suficientes para aprobar unha moción de censura.
Rematado ese período queda aprobado provisionalmente o orzamento, que sairá a exposición pública durante 15 días e, previsiblemente, a finais de mes entrará en vigor.
Valoración do PP
Os Populares lamentan que que as tres forzas de esquerda “desaproveitaran totalmente este mes sen falar sequera entre eles e limitándose a lanzarse os trastos á cabeza”, xa que engaden “non alcanzaron un acordo de goberno, non presentaron ningunha alternativa ao executivo actual e tampouco chegaron a un pacto con medidas básicas para garantir unha certa gobernabilidade para os dous próximos anos”.
Critican que o BNG “tan enfrontado a Digna Rivas” non fixera nada para cambiar as cousas e lamentan que AER “que tamén puido emprender negociacións xa que reclaman estabilidade política e económica” non fixera absolutamente nada. Asegura o voceiro do PP; Javier Bas que “somos conscientes de que estaremos na oposición ata dentro de dous anos, e só queremos que fagan algo para tentar salvar o mandato cunha mínima solvencia, xa nin sequera pedimos grandes cousas, só uns servizos mínimos, aínda que Redondela merece moito máis”.
Fala Bas dun “executivo totalmente afundido” e anuncia que ante esta situación tomarán a iniciativa coa elaboración dun plan de propostas de mínimos que, de aceptarse, permitirán rematar o mandato ao executivo con certa estabilidade”. Ademais, engadíu que o PP intensificará os seus contactos coa cidadanía e reitera que está totalmente a disposición dos veciños para que lles trasladen as súas necesidades.