O Club de Balonmán As Choqueiras de Redondela, con tan só seis anos de historia, consolidouse como un referente no balonmán de base na comarca, contando actualmente cunhas 100 fichas e equipos en todas as categorías femininas, ademais de traballar na construción das categorías masculinas. Deborah Bouzón, directiva, reflexiona sobre a tempada, sinalando o debut do equipo sénior como “un soño cumprido” e o desempeño das categorías inferiores como “o futuro do club”.
Un debut sénior con aprendizaxe e ilusión
Un dos fitos desta tempada foi o debut do equipo sénior feminino na Segunda Autonómica, un obxectivo clave dende a fundación do club. A pesar de rematar na última posición con 3 puntos —froito dunha vitoria (38-33 contra o Balonmán Tui) e un empate (27-27 contra o BM Ourense)—, Deborah valora positivamente a experiencia: “O equipo sénior era o noso soño, queriamos darlle continuidade ás xogadoras que chegan dende a base. Foi un reto, xa que incorporamos xogadoras novas, algunhas sen contacto co balonmán durante anos, e tiramos tamén de xuvenís. Os resultados non foron os esperados, pero a vitoria contra Tui foi unha alegría inmensa, un premio ao seu esforzo e á mellora na cohesión do equipo”. A tempada pechouse cunha derrota na casa ante o líder, Seis do Nadal (20-33), pero o compromiso e a paixón das xogadoras foron innegables. “Xogar ao balonmán é o que lles gusta, e iso é o verdadeiramente gratificante”, subliña Deborah.
Unha base sólida
O orgullo do club reside na súa canteira, especialmente nas categorías femininas. As xuvenís compiten na Liga Ouro e finalizaron no oitavo posto esta tempada. As infantis, que xogan na Liga Prata no Grupo D, remataron no quinto posto. O obxectivo para a tempada 2025/2026 é ambicioso: acadar a categoría Ouro nas tres categorías femininas (cadete, xuvenil e infantil).
O equipo cadete, pola súa banda, compite na Liga Prata no Grupo D e tivo unha tempada excepcional, rematando no primeiro posto da liga regular tras estar invictas toda a tempada. Nos play-offs da fase ouro, quedaron en segundo posto, superadas polo BM Culleredo, as gañadoras. Ademais, o primeiro equipo das infantís tamén xoga na Liga Prata no grupo D e posicionáronse na metade da táboa, no quinto posto. “Sabemos que podemos chegar a Ouro e a próxima tempada o vovleremos a intentar”, sinala Deborah.
Presenza na Selección Galega
O Club de Balonmán As Choqueiras destaca pola presenza das súas xogadoras nas seleccións galegas. No equipo infantil, que conta con 22 xogadoras divididas en dous grupos, tres delas —Ceci, Elsa e Lía— foron convocadas este ano pola selección galega, onde, segundo Deborah Bouzón, directiva do club, “estiveron moi ben arroupadas pola Federación”. Na categoría cadete, Ariadna Bouzón representou a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2025 e foi seleccionada para adestrar coa selección galega de balonmán praia, un paso clave no seu desenvolvemento. Ademais, dúas xogadoras alevíns, Violeta e Paula, brillan nas exhibicións da selección Promesas, tamén coñecida como “Novas Xeracións”. “Temos unha base moi forte, especialmente nas infantís, que son o futuro do club. Isto é unha carreira de fondo, e imos polo bo camiño”, afirma Deborah, destacando o potencial da canteira e o orgullo pola representación das xogadoras nas seleccións.


Retos no masculino e plans de futuro
No ámbito masculino, o club está a traballar para consolidar as categorías de base, aínda que o proceso é máis lento. O equipo infantil masculino, dirixido por Iulian Decu, vive unha etapa de aprendizaxe. “Este ano foi de crecemento. Iulian ensínalles moito balonmán, e o seu obxectivo é levalos a ouro a longo prazo”, sinala Deborah.
Iulian Decu, un adestrador con experiencia e visión
O club conta coa dirección técnica de Iulian Decu, adestrador do sénior feminino e do infantil masculino. Nado en Romanía en 1980, Decu descubriu o balonmán na escola e xogou profesionalmente en Portugal e Galicia (no Club Balonmán Chapela) ata que as lesións o obrigaron a retirarse aos 30 anos. A súa traxectoria como adestrador comezou en 2004, e tras pasar por Chapela e Lavadores, uniuse a As Choqueiras hai dous anos. “Necesitabamos un adestrador de alto nivel para dar un impulso aos equipos. Iulian é unha gran persoa, comparte a nosa filosofía e está comprometido cun proxecto a longo prazo. Aínda que os resultados numéricos non chegaran, as xogadoras aprenderon moito”, destaca Deborah.
Unha festa para unir á familia do club
Para pechar a tempada, o club organiza unha festa de fin de curso o sábado 7 de xuño no Centro Cultural e Recreativo de Redondela. O evento busca reunir a xogadoras, familias e afección para fortalecer os lazos e celebrar o esforzo colectivo. “Queremos que sexa unha xornada de unión, onde todos poidamos estar xuntos en familia”, conclúe Deborah.
Con seis anos de traxectoria, o Club de Balonmán As Choqueiras de Redondela demostra que, a pesar dos retos, a paixón polo balonmán, o traballo coa base e a visión a longo prazo son os alicerces dun proxecto que segue medrando.