As asociacións presentes no Consello parroquial aprobaron investir os 21.666 euros cos que están dotados os orzamentos participativos na redacción do anteproxecto para a humanización dunha estrada. Entenden que a mellora desta vía, que comunica estratexicamente os diferentes lugares coa zona do centro cultural, igrexa, cemiterio, torreiro da festa e sede de clubs deportivos, é imprescindible para “reducir a división territorial e reparar a débeda histórica con Vilar, logo de que as afeccións polo Aeroporto dividiran en dous esta parroquia”.
Con ese obxectivo, o Consello Parroquial vén de aprobar investir os orzamentos participativos na realización do estudo preliminar e o anteproxecto para a humanización da estrada Baixada aos Eidos “unha actuación que busca mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria na parroquia” en palabras de José Manuel Lago.
Explican que esta iniciativa encaixa nunha liña de traballo máis ampla que aposta pola reconexión segura e sostible entre as distintas zonas de Vilar, actualmente divididas pola presenza do aeroporto e pola ausencia de itinerarios peonís seguros. Mª Rita Iglesias é a presidenta da Asociación de Veciños
Tras o recente anuncio da execución este ano 2025 da obra dun tramo da Estrada de Portocabeiro e o compromiso da execución da humanización da contorna do centro escolar no 2026, enlazando ambas obras,este novo proxecto busca seguir traballando en mellorar e humanizar as principais arterias da parroquia co fin de conectar a toda a veciñanza.
O proxecto da Baixada aos Eidos pretende, ademais, poñer en valor un espazo clave para a vida diaria da veciñanza e ofrecer alternativas de mobilidade máis amables, inclusivas e orientadas ao benestar colectivo, xa que é unha estrada que conecta aos diferentes lugares coa zona do centro cultural, igrexa, cemiterio, torreiro da festa e sede de clubes deportivos.