O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ratificou a vontade do goberno provincial de liderar a construción dunha Vía Verde entre os concellos de Pontevedra, Soutomaior e Redondela logo de que o Ministerio de Transportes confirmara por carta a súa disposición a ceder as vías, paso imprescindible para avanzar no proxecto.
Aseguran dende a Deputación que esta é a primeira comunicación oficial na que o departamento do Goberno plasma a súa vontade de avaliar a desafectación das vías, actualmente en desuso. Isto supón un paso adiante que permitirá a Administración provincial estudará a mellor alternativa para solicitar formalmente a cesión.
En resposta á carta enviada por Luis López ao Ministerio en abril para solicitar esta cuestión, a secretaria xeral de Transporte Terrestre, Rocío Báguena, asegura que “desde Adif e Ministerio estamos abertos a analizar fórmulas para a cesión temporal da infraestrutura durante o período en que non sexa necesaria para a explotación ferroviaria”. Dita cesión, continúa o texto, artellaríase directamente a través de Adif para que o resto das entidades interesadas poidan acometer as actuacións para a súa conversión en Vía Verde, e con posterioridade á súa solicitude formal.
López valorou positivamente a resposta do Ministerio ao entender que “abre unha oportunidade ata agora inédita nunha demanda histórica da provincia, como é a continuidade da Vía Verde entre Vigo e Pontevedra”.
O presidente da Deputación lembra que o goberno provincial encargará un estudo de factibilidade para coñecer as alternativas existentes de conversión do trazado ferroviario en Vía Verde, e que segue a financiar proxectos como a continuidade da senda no municipio de Redondela, que recibe 300.000 € de recursos provinciais para este fin.
Por último, López fixo un chamamento a seguir traballando desde o consenso e a altura de miras para avanzar nun proxecto “moi demandado e estratéxico” tanto para a institución como para a provincia de Pontevedra, na medida en que redunda no equilibrio territorial e na dinamización económica dos concellos, en novas alternativas de mobilidade sustentable e no turismo activo no destino Rías Baixas.