Tras asegurar os Populares que os veciños de Moscoso estiveron un mes consumindo auga contaminada, o alcalde Luciano Otero fala de “alarmismo totalmente inxustificado”. Explican que dende o Concello se trasladou aos veciños de Moscoso que evitaran o consumo de auga da traída municipal tras recibir unha analítica cun parámetro lixeiramente alterado pero que “tal e como nos confirmaron as análises posteriores non supoñía un risco para a saúde”.
O Concello de Pazos avisaba a pasada semana aos veciños de Moscoso, a través das redes e do sistema de buzoneo, a recomendación de non consumir auga da traída municipal tras “detectarse un leve incremento nun parámetro”. O venres levantaban a prohibición e trasladaban á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade logo de que o “informe do laboratorio confirma que non hai presenza de bacterias patóxenas nin indicios de contaminación fecal, polo que a auga é segura para o consumo”.
Tras estes feitos os Populares acusaban ao goberno local de “xogar coa saúde” dos case 400 veciños de Moscoso pola insalubridade da auga durante un mes e a falta de información e os acusaban de “absoluta falta de axilidade tanto na resolución do problema, que segue vixente, como na información aos cidadáns”. Explicaba a voceira do PP, Eloisa Nogueira que a análise que determinaba a contaminación da auga por microbiota chegou ao concello o luns 26 de maio “pero non foi ata o mércores cando o concello trasladou esta situación á veciñanza”. Asegura tamén que a auga analizada fora recollida “case un mes ante, polo que estamos ante un problema de extrema gravidade, posto que os veciños de Moscoso estiveron consumindo auga contaminada durante uns trinta días”.
Os populares aseguran ademais que os problemas de insalubridade da auga de Moscoso segue sen resolverse “non se fixo unha nova analítica, só se informa de que o exceso de microbiota detectado non reviste gravidade”.
Pola súa banda o goberno de Pazos critica a voceira popular “por facer unhas declaracións á prensa absolutamente irresponsables e populistas, empregando datos falsos e non contrastados, co único obxectivo de sementar medo entre os veciños e veciñas de Moscoso”.