A non inclusión deste camiño no inventario municipal impediu a súa aprobación ao votar en contra PP e BNG alegando que o Camiño de Soutelo debía incluírse no inventario unha vez que hai unha sentencia que avala o uso público do mesmo. O PSOE asegura que a sentenza tan só establece “o uso público deste vial pero non entra a valorar a súa titularidade” pola súa banda o edil de AER insistiu en que non aprobar o inventario impedirá que se acometan obras de saneamento noutros camiños ao non recoñecerse a súa titularidade municipal.
A sesión plenaria arrancou coa intervención dun veciño de Cedeira quen denunciaba que no verán de 2023 un particular decidiu pechar as escaleiras que permitían o acceso ata un espazo do litoral no que mariñeiros afeccionados deixaban as súas embarcacións deportivas e que facilitaba tamén ás mariscadoras a entrada a unha zona de marisqueo. Unha situación que os levou a recorrer aos xulgados ante a falta de apoio por parte das administracións.
Logo do fallo do xulgado ao seu favor, reclaman agora ao goberno local que protexa este paso e inclúan no inventario de bens municipais o Camiño de Soutelo para garantir este acceso ao mar así como que se retiren os elementos alí colocados por un particular e que impiden o seu uso.
Malia esta petición, o goberno local levaba a debate un inventario no que non se inclúe este camiño, alegando que hai un expediente de investigación aberto para determinar a súa titularidade.
A voceira do PSOE, Rita Pérez, explicaba que a sentenza avala o uso público do camiño “pero iso non significa necesariamente que sexa de titularidade municipal”. Engadiu que actualmente hai en marcha un expediente de investigación para determinar se hai que incluír este camiño ou non no inventario do Concello, pero que polo de agora iso non é posible porque así o determinan os técnicos municipais.
Pola súa banda o edil de AER insistiu en que aprobar ou non este inventario non afecta en ningún modo a este camiño e, pola contra, si impedirá que se acometan obras de saneamento en determinadas zona ao non recoñecerse a súa titularidade municipal.
Os nacionalistas aplaudiron a implicación da veciñanza na defensa do acceso público ao mar en Soutelo e criticaron duramente á alcaldesa Digna Rivas “que non fixo nada malia saber da problemática e para intentar deter as pretensións deste particular que pechou o acceso ao mar”. Unha desatención por parte do concello, engadía Xoán Carlos González que obrigou a este colectivo de veciños e veciñas a gastar os seus cartos e o seu tempo para ir aos xulgados a defender un ben público.
O PP criticou tamén a falta de implicación do goberno neste asunto “levan cinco anos con este expediente metido nun caixón e argumentan agora que non teñen claro se é público ou non, isto é unha mostra máis da desidia deste goberno” en palabras do popular Iván Crespo.
O punto finalmente non saíu adiante ao contar tan só cos votos a favor de PSOE e AER
Unha resposta
A Formiga non existe, os mapas habelos hailos.