O Concello de Pazos de Borbén traslada unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza logo de que este xoves aconsellaran as persoas usuarias da traída municipal de Moscoso que non consumiran auga para beber, cociñar ou preparar alimentos tras unha analítica que alertaba de que podería supoñer un risco para a saúde. Vinte catro horas despois retiran o aviso xa que o último “informe do laboratorio confirma que non hai presenza de bacterias patóxenas nin indicios de contaminación fecal, polo que a auga é segura para o consumo”.
Explica o goberno local que o informe do laboratorio garante a súa potabilidade e total seguridade para o consumo humano “detectouse un leve incremento nun parámetro non obrigatorio (microorganismos aerobios a 22ºC), que non representa risco para a saúde, pero pode indicar pequenas alteracións na rede”, motivo polo que se puxeron en marcha medidas para mellorar a calidade da auga consistente na toma de novas mostras na captación e no depósito, un aumento puntual do clorado e realización de traballos de limpeza preventiva e cambio de filtros.
Lamentan as molestias que a recomendación inicial, aconsellando á veciñanza que evitara o consumo da auga de forma preventiva ata coñecer ben o alcance da incidencia, puidera ocasionar entre os afectados.