A autora coruñesa presenta este sábado na Oficina de Turismo o libro “As horas mortas”, un catálogo de cemiterios que ao seu entender deben ser coñecidos, visitados e postos en valor. Entre os reseñados atopamos o Cemeterio do Eidos dos que destaca qeu é “un camposanto no que conviven dúas memorias: a Republicana e a Nacional e que presenta unha idiosincrasia moi galega”. A presentación do libro organizada polo Obradoiro de Estudos locais Fernando Monroy en colaboración co Concello será o sábado 31 ás 18:00 horas. Ao finalizar celebrarase unha visita guiada aos Eidos.
Un libro para cuxa elaboración tivo que mergullarse nas hemerotecas, recuperar textos previos sobre os cemiterios pero, sobre todo, falar con moita xente que foi “extremadamente xenerosa co seu tempo e coas súas lembranzas á hora de compartilas”, persoas que fixeron memoria e lle deixaron historias fantásticas que agora recolle nesta publicación na que fai un percorrido polos camposantos salientando o seu valor como “museos ao aire libre e aulas de historia, arte, literatura e memoria”.
Salienta Pedreira que Galicia está chea de cemiterios interesantes pola historia, pola implicación artística e pola xente que está alí soterrada e, de entre todos eles, entende obrigatorio facer parada no cemiterio dos Eidos por ser un espazo que presenta características pouco habituais nun casco urbano e, sobre todo, pola historia e a memoria que alberga.
Fóra de Redondela apunta como un dos seus preferidos os de Santo Amaro na Coruña ou o “cemiterio feliz” de San Froilán en Lugo.
O acto de presentación do libro será as 18:00 horas e a continuación os asistentes poderán participar dunha visita guiada polo Cemiterio “máis bonito de España”.
