O Pavillón A Seca vibrou o pasado domingo coa “Marea Azul”. O Redondela FS Rodavigo ascendeu á Terceira División Nacional tras gañar 2-6 ao Reserpon Poio Pescamar F.S. na final dos play-offs, iniciando unha nova etapa na súa historia. O equipo, dirixido por Peli e Rolan, culminou unha tempada excepcional e agora prepárase para competir nunha categoría superior, onde se enfrontará a novos retos que porán a proba a súa ambición e talento.
Tras rematar a liga regular en terceira posición con 63 puntos e superar ao CVC Valladares por un axustado 3-2 na semifinal, o Redondela FS Rodavigo chegou á final cunha mistura de ambición e disciplina. Peli, adestrador do equipo xunto con Rolan, explicaba como se prepararon para o encontro e fixo unha pequena crónica do partido: “Durante a semana do encontro preparamos o partido a fondo. Preparamos ben o partido, sabendo que ía facer calor e que fisicamente estaríamos mellor que eles. O partido púxosenos de cara. Sabiamos que ía ser difícil, porque teñen un equipo novo, con algúns xogadores veteranos, e que nos ían apertar ao principio. Porén, marcamos catro goles moi rápido, o que nos permitiu xogar doutro xeito. No descanso, ían 4-2, e pedímoslle tranquilidade aos xogadores, porque o partido ía ser longo. Tratábase de aguantar os primeiros minutos da segunda parte, e sabíamos que despois o partido se decantaría ao noso favor. Foi incrible. A actitude dos xogadores foi excepcional“. Peli tamén destacou o contexto da final: “Estabamos empatados a puntos con eles, pero por tema de golaverage, eles tiñan o factor casa. A verdade é que foi incrible gañar nestas circunstancias”.

O Redondela FS Rodavigo non só gañou, senón que dominou de principio a fin, cun xogo vertixinoso en ataque e unha defensa sólida que desarmou ao rival. Pero a confianza do equipo non xurdiu da nada. “O ano pasado quedamos a un paso do play-off, con moitos problemas de lesións. Este ano, a pesar de tamén ter baixas, o grupo estivo moi enchufado. Nunca vin un equipo tan unido. A semifinal contra o Valladares foi dura, é un rival veterano que sabe xogar e nunca se rende. Pero confiábamos no noso traballo”, engadiu Peli, reflexionando sobre o camiño recorrido.
Este ascenso é moito máis que un trofeo; é o reflexo dun proxecto de futuro. “Estamos onde merecemos estar. O ano pasado tiñamos unha plantilla máis xusta, pero a nosa idea era clara: renovar o equipo con xogadores novos, moitos de Redondela, para construír un proxecto a longo prazo. Somos o equipo máis novo da categoría, con xogadores de 18 a 23 anos, e o maior con 32. O obxectivo sempre foi ascender”, aseguraba o técnico, destacando a aposta pola canteira. E é que a base do club é un piar fundamental. “O equipo xuvenil, que competiu por primeira vez na División de Honra, fixo unha gran tempada e logrou a permanencia. Moitos deses xogadores pasarán agora ao senior e xogarán en Terceira. Están ilusionados, aínda que saben que será un reto”, explicou.
Co ascenso no peto, o Redondela FS Rodavigo xa mira ao futuro. “O obxectivo en Terceira será lograr a permanencia e competir en cada partido. Aínda non temos definidos os axustes técnicos nin de plantilla, agora toca desfrutar. Xogaremos por toda Galicia, e o maior desafío será o económico. Necesitaremos o apoio de patrocinadores e o esforzo da nosa directiva, que fai un traballo espectacular”, apuntou Peli, deixando claro que o club non se conforma e quere seguir facendo historia.

A vitoria non só supón un billete á Terceira División, senón que marca un antes e un despois para o Redondela FS Rodavigo. Coa “Marea Azul” vibrando en cada gol e unha directiva volcada en consolidar o proxecto, o club redondelán prepárase para novos retos.