A Asociación cultural Latexos ven de poñer en marcha un proxecto que busca crear en Redondela un coro de canto polifónico. Para facer realidade esta idea lanzan unha campaña de captación de fondos co obxecto de obter o financiamento suficiente para contratar un director profesional que dirixa a formación. Buscan tamén incrementar o número de cantantes polo que animan a veciños de Redondela e contorna, amantes da música, a sumarse á iniciativa.
A iniciativa xurde da man dun grupo de persoas, vinte homes e mulleres, que buscan recuperar a gran tradición de canto polifónico que existe en Redondela pero que ten decaído nas últimas décadas. Reunidos na Asociación Cultural Latexos e baixo o nome do eminente musicólogo Casto Sampedro, buscan fundar un grupo coral que continúe e desenvolva esta tradición que conta con antecedentes significativos como a Coral Apóstol Santiago ou mesmo, na actualidade, con algunhas formación que funcionan nas parroquias.
A posta en marcha desta iniciativa lévase xestando algún tempo, buscando fondos para asumir o pagamento dun director ou directora profesional que achegue todo o rigor e a calidade artística precisa nun proxecto desta natureza, xa que, tal e como explica un dos seus integrantes, Luís Cuntín “non é posible acceder a subvencións previamente ao inicio da actividade de formación e ensaio do coro, co cal estamos metidos nun círculo vicioso á hora de financiarnos”.
Por este motivo lanzarán nos próximos días unha campaña de crowfunding nas redes sociais, na procura de apoio económico. Tamén de captación de cantantes. Neste sentido animan a unirse a todas as persoas ás que lles guste cantar e queiran mellorar as súas habilidades ou, simplemente, aprender. Esta invitación non ten máis límite de idade que ser maior dos 18 anos e diríxese por igual a quen viven na vila de Redondela, no resto do concello ou na comarca. A única condición para participar é o interese, o compromiso e o desexo de atoparse e gozar coa música.
Luís Cuntín afonda tamén no aspecto socialmente positivo de pertencer a este tipo de agrupacións musicais.
Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse ao teléfono 686 362 111.