As mozas de Redondela impuxéronse ao equipo catalán do Sant Vicenç nun partido disputado onte no pavillón da bomboneira e que rematou cun resultado de 20-15. Esta tarde teñen unha nova cita, xogarán ás 20:30 horas contra o outro equipo catalán da categoría, o club Les Franqueses
A SAR Rodavigo enfrontábase este mércores ao primeiro partido desta Fase Final que se está a disputar paralelamente nos concellos de Redondela e Bueu.
As mozas de Redondela viviron unha primeira parte moi intensa, cos dous equipos moi igualados que non permitía aventurar de que lado ía caer a vitoria. Con todo, xa chegaron ao descanso cunha pequena vantaxe que acrecentaron na segunda parte. Co marcador 18-13 no minuto 46, a SAR continuou presionando ante un Sant Vicenç que non baixou os brazos pero que non lograba acurtar distancias. Ao remate o marcador deixaba un claro 20-15 a favor das locais.
Con ese bo sabor de boca, hoxe terán que medirse co outro equipo catalán do grupo: les Franqueses mentres que o venres pecharán esta primeira fase nun partido contra o IFEM CBM de Andalucía. Ambos encontros está programados para as 20:30 horas.
Un club que, independentemente do que suceda nesta campionato infantil, prepara de cara ao sábado a festa de fin de tempada con música a partir das nove da noite a cargo de Noite Fernández, actuación ás 22:30 de Chocolate Sexy e sesión DJ con Pescata a partir da medianoite.
