Os populares critican que o PSOE se apoie nun informe de Secretaría para converter esta proposta en rogo e impedir así a súa votación no pleno e lamenta que empregue “un criterio arbitrario, posto que non fai o mesmo con outras mocións coas mesmas características legais”. O PP agradece o apoio de AER no seo da xunta de voceiros “que defendeu que tíñamos razón en levar esta proposta con este formato contra o criterio dos seus socios do PSOE”.
O grupo municipal do PP de Redondela vén de denunciar publicamente o veto e a censura da súa moción de solicitude á rexedora, Digna Rivas, de devolución do seu propio peto do salario percibido durante ano e medio pola asesora do BNG “que foi contratada ilegalmente como persoal eventual, segundo ditaminou a xustiza, a cambio da Alcaldía e do goberno local”.
A proposta popular, que tamén incluía o reintegro ás arcas municipais das costas do proceso, foi reconvertida a rogo para a sesión plenaria ordinaria fixada para mañá e para elo, afirman dende o PP “os socialistas apoiáronse de maneira arbitraria e sectaria” nun informe da Secretaría Municipal, evitando así que sexa votada por parte dos 21 integrantes da corporación. “Desde o PP non discutimos os criterios técnicos e xurídicos dos servizos municipais, o que consideramos absolutamente lamentable e antidemocrático é que os socialistas non fagan o mesmo de recurrir á Secretaría con outras mocións, incluso súas, que presentan as mesmas características legais ca nosa”, sinalou o concelleiro Iván Crespo, que asistíu á xunta de voceiros preparatoria do pleno e que engadiu que “é moi curioso que a proposta para pagarlle ilegalmente un soldo a unha asesora do BNG si que se poida votar no pleno, pero que a nosa petición para que o diñeiro público volva ás arcas de todos os veciños de Redondela desde o peto da alcaldesa como única responsable non teña a mesma sorte”.
Acusan ao PSOE de recorrer ao “filibusterismo político” nesta ocasión xa que asegura “hai un acordo de todos os grupos municipais para que as cuestións que afectan ao concello e aos veciños se debatan baixo o formato que cada formación considere”. Revelou tamén o edil popular que na xunta de voceiros “houbo fortes discrepancias entre os socios de goberno PSOE e AER por esta cuestión, xa que o concelleiro independente admitíu que o PP tiña razón en levar esta proposta con este formato, xa que ese mesmo criterio non se aplica a outras mocións e a outros partidos, polo que queremos agradecerlle a súa postura”.