Hoxe é Venres 6 de Xuño de 2025

Falece un mozo vigués tras saltar ao Verdugo dende a ponte medieval de Soutomaior

puente-de-comboa-soutomaior_img21672n1t0

Os mergulladores da Garda Civil que buscaban ao mozo de 20 anos veciño de Vigo que desaparecera no Verdugo tras saltar ao río dende a ponte medieval recuperaron o corpo pasada a media noite. O 112 Galicia recibira o aviso dun particular ás 19:40 horas quen presenciara como dúas persoas saltaban ao río desde a ponte de Comboa. Mentres unha delas logrou saír da auga sen dificultade, non conseguían localizar á outra persoa, quen finalmente foi achada sen vida tras máis de catro horas de procura.

Un amplo dispositivo de emerxencia traballou na procura do mozo que desaparecera no río Verdugo a media tarde tras lanzarse á auga dende a ponte de Comboa xunto coa súa parella.

A moza logrou saír da auga polos seus propios medios, pero o mozo non volveu emerxer, o cal levou os presentes a alertaren de inmediato o 112 Galicia.

Tras recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un amplo operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil, o GES de Mos e voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea. Tamén se informou aos Bombeiros do Morrazo.

A contorna da ponte foi acordoada pola Garda Civil para facilitar os labores de rescate.  A peor das noticias coñeceuse contra as 12:15 da madrugada, cando un dron localizou o corpo a uns seis metros de profundidade, sendo rescatado polos mergulladores da Garda.

Ata o lugar tamén se desprazou un equipo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), co obxectivo de ofrecer apoio ás persoas afectadas polo suceso así como o forense para proceder ao levantamento do cadáver.

Fontes municipais explican que a zona, malia estar afectada polas mareas, non é especialmente perigosa. De feito, nas inmediacións atópase a praia fluvial da Veiguiña Longa, moi frecuentada por familias en época estival.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: