A escola de danza Dansarey de Redondela volve estar de celebración. Con nada menos que seis grupos clasificados para a final nacional celebrada en Ávila, sete coreografías presentadas e seis premios acadados, o nome de Dansarey consolídase unha vez máis como sinónimo de excelencia e talento no mundo da danza. Pero lonxe de conformarse, o obxectivo agora é aínda máis ambicioso: subir ao podio do Campionato Europeo 2026 para o que aínda non teñen data nin lugar , pero para o que xa están tentando recadar fondos a través do espectáculo de fin de curso que se celebrará o 22 de xuño no Pavillón da Marisma como peche de curso.
Entre os grupos atópanse as Kukiladies, formado por nais de alumnos/as, que sorprendeu ao obter o segundo posto na categoría premium avanzada coa súa coreografía “Grease”. “Son amateurs, cunha media de idade entre 40 e 50 anos. Foi unha gran sorpresa porque ninguén esperaba este resultado nunha categoría tan competitiva e con tan pouca experiencia previa”, explica Otero. A posta en escena incluíu un rechamante atrezzo cun coche a tamaño real, transportado en remolque ata Ávila, que engadiu espectacularidade ao número.
Pola súa banda, Fusión Latina, un grupo de nenas de entre 12 e 15 anos, brillou con dúas coreografías de Lidia Iglesias. A primeira, “O seu veleno”, logrou o primeiro posto na categoría cadete intermedio, mentres que a segunda, un tributo a Beyoncé, non obtivo premio. “Non sempre se acerta, son cousas do directo. Xa son preadolescentes e considero que son un grupazo porque traballa moitísimo, esfórzanse moitísimo e levan os ensaios ao pé da letra. Tivemos anécdotas como unha cremalleira rota que resolvemos sobre a marcha”, conta Otero, destacando o esforzo e dedicación destas mozas que levan na escola desde os 4 anos e que creceron bailando.
O grupo Dansarey Ladies (con coreografía de Lidia Iglesias e Olalla Cereijo) repetiu a proposta que levaron ao campioanto galego en Burgos, un tributo a Christina Aguilera. Cunha execución impecable e acrobacias, lograron o primeiro posto en nivel intermedio. Na mesma quenda, Dansarey Queens, en categoría avanzada, quedou en segundo lugar cunha coreografía creada por tres bailarinas de renome: Alba Sánchez, campioa mundial de bachata, Miriam Toca e Lida Iglesias. “É unha proposta moi profesional, cun nivel de esixencia alto, pero para chegar lonxe hai que apuntar alto”, subliña Otero.
Girlys, un grupo de baile moderno urbano con mozas de 12 a 15 anos, obtivo o terceiro posto en intermedio cunha coreografía de Andrea Míguez, clasificándose co bronce tamén para o Europeo. “Melloramos a coreografía de Burgos para sorprender ao xurado, que ve actuacións todo o día”, explica o director. Finalmente, Odisea, un trío de bailarinas que participou en varias coreografías, recibiu un pase especial do xurado pola súa actuación en categoría fusión intermedio. “Son tres nenas que enchen un escenario enorme, algo que non é anda fácil e para o que hai que ter moita forza. Son do mellor da escola en latinos e urbano”, destaca Otero.
Os traxes, feitos coa axuda de As Puntadas de Balbina de Redondela, foron clave para a espectacularidade das presentacións. Agora, o obxectivo de Dansarey é o Europeo de 2026, cuxa data e lugar aínda están por confirmar. Para recadar fondos, a escola prepara un espectáculo de fin de curso o 22 de xuño no Pavillón da Marisma. “Convidamos a todos a asistir e apoiar este soño”, conclúe Otero, coa mirada posta no próximo gran desafío.





