Hoxe é Luns 9 de Xuño de 2025

O Festival Millo Verde entre os mellores de Galicia

Processed with VSCO with fp8 preset

O XVIII Festival Alternativo Millo Verde celebrará a súa maioría de idade os días 5, 6 e 7 de xuño de 2025 na Praia de Cesantes, enchendo a beira do mar de música, cultura e compromiso ambiental. Dende 2007, este evento consolidouse como un referente cultural en Galicia e promete unha experiencia vibrante cun cartel que fusiona sons de medio mundo. Como novidade, esta edición incorpora pulseiras cashless para axilizar os pagos. Ademais, o festival está nominado aos Premios Martín Códax da Música na categoría de Organistrum-Festivais, xunto a eventos como o Festival Arteficial ou o SilFest Valdeorras, reafirmando o seu valor social e cultural.

O Millo Verde é unha viaxe sonora que cruza fronteiras. Durante tres días, a praia de Cesantes transformarase nun escenario onde o rock, o ska, o reggae, o punk e a música electrónica se darán a man. Dezasete bandas e artistas, chegados dende lugares tan dispares como Estados Unidos, Hungría, Francia, Portugal ou Países Baixos, compartirán cartel con talentos galegos e nacionais que farán resoar a esencia local. Entre os nomes que destacan están Jason Kane & The Jive, co seu enérxico son americano, Duckshell, que trae a forza de Hungría, ou Morgane Ji, cunha proposta única dende Francia. A escena local non queda atrás, con Substanciados, gañadores do XVII Concurso de Maquetas, xunto a nomes como A Cadela Branca, Prieto Picado, Hugo GZ ou Trópico de Grelos, que poñerán o selo galego a esta festa.

Juan Lago, organizador e parte do colectivo Millo Verde, presenta o cartel por días.

Pulseiras cashless

Este ano, o Millo Verde dá un paso adiante coa introdución das pulseiras cashless, un sistema que permitirá aos asistentes pagar as súas consumicións cun simple movemento de pulso. Áxil, seguro e moderno, este método promete facer que as colas sexan cousa do pasado, deixando máis tempo para gozar da música e das actividades. A organización tamén estrea unha nova páxina web, www.milloverde.org, onde os asistentes poden mercar entradas, consultar horarios e mergullarse en todos os detalles do festival.

“Antes a xente quedaba cos boletos que sobraban, pero agora poden pedir a devolución deses cartos na web a través das pulseiras”, Juan Lago.

Un programa que vai máis aló da música

O Millo Verde non é só música; é unha experiencia completa. As sesións vermú, con artistas como Contactos Clauida Prada ou o Mago Noel animarán as mañás de venres e sábado. Os obradoiros de reciclaxe creativa de Artelixo, o Eskalabirras e Trópico de Grelos convidarán a explorar a creatividade, mentres que o mercado artesanal e a zona gastronómica ofrecerán sabores e produtos únicos.  Para facilitar o acceso, haberá buses lanzadeira de balde cada 30 minutos – de 17:00h a 05:00h -con paradas na Feira do Gando, San Pedro e a Praia de Cesantes.

“Se bebes o mellor é coller o bus lanzadeira, servizo continuo de 17:00h a 05:00h”, Juan Lago.

O compromiso co medioambiente segue sendo un piar do festival. As batidas de limpeza na praia de Cesantes asegurarán que a contorna quede tan impecable como a experiencia, reforzando o espírito sostible que caracteriza ao Millo Verde dende os seus inicios.

Entradas e información práctica

A entrada ao xoves e ás sesións vermú serán de balde, pero para gozar do venres e sábado será preciso adquirir entrada. O abono para ambos os días custa 28 euros, mentres que as entradas diarias están a 17 euros. Os abonos a prezo reducido esgotáronse nun abrir e pechar de ollos, así que a organización recomenda non demorar a compra en www.milloverde.org.

Un encontro cultural que deixa pegada

Dende a súa fundación, o Festival Millo Verde trascende o ámbito musical para converterse nunha plataforma de promoción cultural. A Asociación Millo Verde naceu co propósito de impulsar accións destinadas á defensa, protección e mellora do patrimonio comunal e cultural de Galicia, entre outros obxectivos. Ao longo da súa traxectoria, a asociación colaborou con diversos colectivos en actividades lúdico-culturais destacadas, como o Magosto Popular Xoeira, o I Festival Alternativo Frikiroga e a Foliada de Nou Barris (Barcelona). Ademais, contribuíu á organización da Foliada de Redondela, un evento que fomentou o intercambio cultural galego-catalán. Fiel ao seu ideario orixinal, a asociación segue apostando pola difusión da cultura galega a través de actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos. Grazas a esta dedicación, o Festival Millo Verde está nomeado como Mellor Festival de Galicia nos Premios Martín Codax da Música 2025.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: