O I Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior celebrarase esta fin de semana, os días 31 de maio e 1 de xuño no Campo da Festa de San Benito de Romariz. Unha cita que ten como obxectivo poñer no lugar que merece a uva albariña da localidade e no que participarán dez produtores, entre os que se atopan furanchos e adegas. O programa inclúe espazos gastro-bar, música, charlas e catas así como casetas de degustación que estarán abertas o sábado e domingo a partir das doce do mediodía.
O principal obxectivo deste encontro é, da man dos colleiteiros e das colleiteiras de Soutomaior, poñer no lugar que se merece este oficio en particular e a viticultura en xeral.
A programación arrancará o sábado 31 coa apertura das casetas ás 12:00 horas e dun espazo gastrobar no que se servirá polbo, churrasco e ostras. Non faltará a animación musical a cargo do grupo “Algo Pasa con Mary” o sábado ás 13:00h.
Xa pola tarde ás 19:00h. terá lugar a mesa coloquio “Soutomaior terra de viño”, con intervención institucional a cargo do alcalde, Manu Lourenzo e a participación da colleitera Elisa Martínez Varela, o asesor en viticultura e enoloxía da empresa Terroir en Botella, Dominique Roujou de Boubée, con máis de 30 anos de experiencia no sector. Participará tamén Juanjo Figueroa, Presidente Asociación galega de Sumilleres AGASU e Mercedes González Rodríguez, presidenta de Vitislucus, especializada en análise sensorial e enoturismo.
Ás 20:00h terá lugar a cata a cegas realizada polo Xurado da distinción “Colleiteir@sdistinguid@s, Soutomaior 2025” e ás 20:30h. chegará o directo de Desconcerto.
Xa na xornada do domingo as casetas permanecerán abertas en horario de 12:00 a 16:00h e ás 13:30h. terá lugar o peche e a entrega de diplomas e distinción oficial “Colleiteir@sdistinguid@s, Soutomaior 2025”.
Unha xornada coa que o Concello quere “facer un acto de xustiza cunha tradición con mulleres e homes que hai décadas que levan traballando un produto que nos fai únicos e que nos diferenza como é uva albariña de Soutomaior” en palabras do alcalde, Manu Lourenzo.
No encontro participarán: o FuranchoLinchú(Vela), Furancho do Pazo María & Conrado(Comboa), Adega do músico(O Sobral), María Sobral(Romariz), Albariño da Baralla(O Val), A casa de Lisa(O Sobral), Irmáns Lorenzo(O Sobral), Furancho O Maroco(Alxán), Veigha do Meirolas (O Rial) e Aires do Verdugo(O Rial).
