Os campamentos, cuxo prazo de inscrición está aberto dende hoxe e ata o 2 de xuño, están dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos con horario de 9:00 a 14:00 horas con opción a aula matinal a partir das oito da mañá. Ten un prezo de 15 euros por quincena e neno, mentres que a aula matinal fixa a súa taxa en 10 euros cada dúas semanas. O PP de Redondela denuncia a implantación de taxas neste servizo e arremete contra o goberno local por “seguir esquilmando aos veciños”.
O obxectivo destes campamentos, segundo explican dende o Concello, é “ofrece ás familias unha alternativa de lecer lúdica e didáctica para facilitar a conciliación laboral durante as vacacións escolares. Os campamentos están dirixidos a rapazada de 3 a 12 anos e desenvolveranse en diferentes parroquias durante os meses de xullo e agosto. Así, as familias poderán elixir entre sete emprazamentos diferentes: Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela, Reboreda, Vilar e Redondela.
O prazo de inscrición arranca hoxe nunha edición que trae como novidade o pago de taxas aos usuarios. Aquelas persoas que fagan uso dos campamentos en horario de 9:00 a 14:00 hroas terán que abonar 15 euros por quincena, mentres que a aula matinal que acolle aos participantes de 8:00 a 9:00 horas fixa a súa taxa en 10 euros cada dúas semanas.
Críticas do PP
A decisión de establecer taxas neste servizo de conciliación estival é criticada polo PP que arremete contra o goberno local por “seguir esquilmando aos veciños”. Os populares lembran que esta iniciativa foi creada polos executivos de Javier Bas para favorecer a vida laboral e persoal dos redondeláns durante o verán e sempre foi gratuíta, polo que expresaron o seu absoluto rexeitamento con este cobro, “xa que ademais está orientado exclusivamente a cargar nos petos da xente a mala xestión económica e as débedas do bipartito”.
Bas engade que este servizo foise deteriorando co executivo de Digna Rivas xa en anos anteriores, posto que eliminou as quendas de Semana Santa, e considera que a implantación do cobro “supón un paso máis na política anti-veciñal de mentiras dunha alcaldesa que di defender o feminismo e a conciliación, pero que na realidade goberna sen piedade contra as familias”.
O prazo de inscrición para facerse cunha das prazas ofertadas – 300 para o mes de xullo e 180 para agosto- está aberto ata o 2 de xuño. A documentación pode descargarse dende a web do concello de Redondela ou recollerse en papel nas oficinas do Concello e no Centro de Informacion á Muller (CIM). Máis información no teléfono 986408043.