O Campo da Feira acollerá o venres 20 de xuño as actuacións de Heredeiros da Crus, América de Vigo e os grupos locais Perfectos Extraños, Retroblues e Elëven. Un concerto que se prolongará durante máis de sete horas ininterrompidas da mellor música rock en directo cun festival totalmente gratuíto que se consolida como unha cita ineludible para os amantes do rock.
A cita musical arrancará ás 19:30 horas no campo da feira con entrada de balde, nun festival que se prolongará ata a madrugada e que é “unha cita obrigada para os amantes do rock” en palabra da concelleira de Cultura, Rita Táboas quen presentou esta actividades enmarcada dentro da programación das Festas da Coca xunto coa alcaldesa Digna Rivas.
Un cartel no que atopamos a mítica banda galega Herdeiros da Crus, que actuará a media noite, presentando o seu último álbum “Trankimasin”, que ofrece sons setenteiros e retranca galega. Con este disco volve á carga o grupo máis popular do rock en galego, que estrea álbum despois de seis anos.
América de Vigo ofrecerá un gran espectáculo co seu tributo a toda a historia do rock and roll, facendo un repaso dos grandes éxitos de todos os tempos. Temas de bandas míticas como Iron Maiden, Guns N’ Roses, Metallica ou Queen forman parte do seu repertorio. O grupo América fará dous pases, o primeiro ás 21.30 horas e o segundo ás 01.30 que pechará o festival.
Previametne subiranse ao escenario os grupos locais Perfectos Extraños, Retroblues e Elëven “unha aposta da Concellería apra dar visibilidade aos artistas locais”.