O novo tramo será unha realidade en outono logo de seren adxudicados os traballos á empresa local Construcciones Castro cun prazo de execución de seis meses. Esta segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía.
O deseño deste novo tramo é similar ao da primeira fase da senda e contará coa creación de pequenas prazas con bancos naqueles puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas adxacentes co obxecto de crear zonas de descanso e de encontro para a veciñanza. Crearase tamén unha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía do ferrocarril. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. Os traballos foron adxudicados á empresa local Construcciones Castro por un importe de 277.500 euros, e o prazo de execución é de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.
Deste xeito o Concello dá continuidade a esta vía peonil que transforma a antiga liña do ferrocarril, agora en desuso, nun novo espazo público de lecer. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que con esta actuación “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza”. O novo tramo, ao igual que a senda que une o antigo apeadoiro con Vigo, será un espazo pensado para o uso e disfrute da cidadanía. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.
Este novo proxecto, que será unha realidade este outono, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. A primeira fase da Senda Verde, que conecta o antigo apeadoiro de Chapela con Vigo, inaugurouse a finais de 2021 cun investimento de 778.000 euros.
