Montse Prado e Lucía López do BNG
O Think Tank do BNG, a Fundación Galiza Sempre, presenta este venres 23 de maio ás 20:00 na Casa da Cultura de Redondela o caderno Galiza coa chave dos seus cartos. Trátase dun monográfico coral que recolle os artigos das deputadas do BNG no Parlamento galego, Montse Prado e Noa Presas, así como dos economistas, Xosé Díaz e Joám J. Romero, para analiza o actual sistema de financiamento e o seu inxusto e arbitrario reparto, que non ten en conta as características específicas do noso País. Paralelamente, presenta a alternativa dun modelo de concerto económico para Galiza máis xusto, simple, transparente, e que garantiría a prestación duns servizos públicos de calidade.
Esta é unha proposta que vén defendendo o nacionalismo galego desde Alfredo Brañas, as Irmandades da Fala, ou o propio Partido Galeguista, con Alexandre Bóveda á cabeza. Proposta retomada e actualizada polo nacionalismo contemporáneo, a través dun dos autores do caderno, Xosé Díaz. Este 2025 é o ano Castelao e o padroado da Fundación Galiza Sempre entende que a mellor das homenaxes que se lle poden render, é defender o que o galeguismo plasmou no Estatuto do 36 e foi abortado polo golpe fascista.
No acto intervirán Xoan Carlos González, a deputada, Montse Prado e o economista e co-autor do caderno, Joám J. Romero. As persoas asistentes poderán levar un exemplar do caderno que se presenta de balde.
