Unha actuación que cualifican de “innecesaria”, xa que aseguran que non é demandada polos residentes na zona e, pola contra, vai provocar importantes prexuizos para os veciños ao eliminar 20 prazas de aparcamento. A deputada e concelleira popular Sandra Bastos teme ademais que a zona se converta nun punto de botellón. A humanización financiarase cunha achega de 144.000 euros procedentes da Deputación pero, insiste Bastos “o proxecto e a actuación é decidida libremente polo goberno local”.
O proxecto conta cun orzamento de 143.945 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Cartos cos que se financiará ao 100% a humanización da rúa Prego de Montaos, “unha obra que é elixida, orzamentada e executada” dende o goberno local. A Deputada Sandra Bastos insiste en que é deber do organismo provincial “dotar aos concellos do maior orzamento posible para acometer obras que redunden no benestar da cidadanía” pero lamenta que a actuación elixida neste caso polo goberno local “non nos parece a máis axeitada”.
Bastos, xunto cos concelleiros do PP en Redondela Javier Bas, David Muíños e Miguel Angel Alvarez, explicaron aos veciños alí reunidos en que consistirá esta obra que cualificaron de “innecesaria” e que vai “agravar aínda máis un problema xa importante en Redondela como é o da falta de estacionamento ao eliminar as 20 prazas existentes na marxe esquerda da vía”.
Insistía en que “eliminar eses estacionamentos por bancos non é necesario, xa que nas inmediacións da rúa está a Praza de Ponteareas con suficiente espazo de esparexemento e, pola contra, vai crear un problema de seguridade” porque teme que esa humanización converta a rúa nun punto de atracción para o botellón.
O investimento aprobado pola Deputación da resposta a demanda do goberno local que deseñou o proxecto de remodelación para este espazo e que consistirá na demolición dos pavimentos actuais e a súa substitución por pavimentos mixtos (lousas de granito, formigón e aglomerado) e céspede nas zonas brandas e formigón diferenciado para o tráfico de vehículos e peóns nas duras; novas instalacións de rego, saneamento, electricidade e alumeado, a plantación de céspede e diferentes tipos de árbores, e a instalación de sinalización horizontal e vertical e de diferente equipamento urbano (bancos, papeleiras, bolardos, etc.).