Ballet, ping pong, danza moderna, ioga… o número de actividades vinculadas ao deporte e a saúde no Centro Cultural e Recreativo de Redondela veñen de recuperar unha proposta moi demandada polos seus socios e socias: un ximnasio personalizado, con clases pensadas para grupos reducidos de ata seis persoas e nas que os monitores realizan exercicios axeitados á idade e estado físico de cada un dos participantes.
O responsable do ximnasio, Borja Ropero insiste na filosofía deste tipo de ximnasios baseados na atención personalizada “o obxectivo é sempre adaptar cada un dos exercicios e actividades que se realizan ás circunstancias específicas dos seus usuarios tanto pola súa idade como polas posibles patoloxías ou demandas que presenten.
Insiste tamén en que non hai límite de idade para apuntarse a este centro de adestramento, malia que os usuarios máis habituais atópanse en dúas franxas “dos 35 aos 40 anos e dos 60 aos 65”. Son usuarios que buscan un espazo próximo e coidado e unha atención individualizada. Por xénero apunta que as mulleres adoitan buscar exercicios de forza mentres que os homes anímanse a participar para combater o sedentarismo. Tamén xente que busca superar algunha lesión ou malestar
Ropero anima a todos os veciños e veciñas a achegarse “porque é fundamental moverse para mellorar a nosa calidade de vida”
Para inscribirse o único que hai que facer é achegarse ás instalación do Centro Recreativo na rúa Ernestina Otero. Como detalle de benvida as persoas que o fagan neste mes de maio e xuño non terán que abonar a cota de socio. En menos dunha semana xa teñen un número importante de inscritos con grupos tanto en horario de mañá como de tarde que se exercitan na zona de adestramentos habilitada no edificio onde son atendidos por monitores profesionais.