Foto de Acouga
A música galega está de festa coas nominacións aos Premios Martín Códax 2025, e dous proxectos destacan na nosa contorna: a banda Acouga de Pazos de Borbén, na categoría de Metal e Heavy, e o redondelán Rodri Míguez, na sección de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical. Dous nomes que representan o pulo da nova escena musical en galego.
Acouga: a forza de Ámbar, un debut conceptual e visceral
Formada en marzo de 2022 en Pazos de Borbén, Acouga está composta por Carlos de Castro (guitarra e voz), Gabri Fuentes (voz), Luís González (baixo) e David Martínez (batería). A banda, que transita entre o post-hardcore e o metal con influencias pop, lanzou parte do seu primeiro disco, Ámbar, á espera da súa publicación completa antes de que remate o ano, un traballo conceptual que explora a esperanza, os anelos, a reivindicación do amor, a vida e o cotián. Este álbum, gravado en Cimática Estudos (Cerceda), estrutúrase como un ciclo que xira arredor das súas sete cancións, cada unha representando un momento do día, desde o amencer de Un novo día ata a catarse final de Arde.

Ámbar fala do tempo e do amor a través da nostalxia, usando o ámbar como metáfora: “É unha resina fósil que conserva obxectos, recordos e memoria”, explica o vocalista Gabri Fuentes. Entre os temas do disco podemos atopar: Un novo día, Deflagración, Salitre e Arde, este último en colaboración con Nuno Pico de Grande Amore. Arde é un tema vibrante que pecha o álbum cunha explosión de forza e renacemento. “Nuno é un artista que desfruta moito do metal, polo que o proceso foi natural e orgánico. Foi divertido e tivo total liberdade para facer a letra deste tema mesturando conceptos de todo o disco, a verdade é que pensamos que Nuno é un auténtico metaleiro”, destaca Gabri. A canción lanzouse xunto a unha campaña en redes con artistas como Xisco Feijóo, De Ninghures, Battosai, The Rapants, A Roda, Montedapena ou Vimbio.
Desde o seu nacemento, Acouga non parou de medrar. En marzo de 2022 estrearon Novo Paradigma e Que foi?, seguidos por Outono en novembro e Escapar en febreiro de 2023, este último con Martín Loureiro de Machina. Este sábado, 24 de maio, ás 13:00, participarán nunha homenaxe ás cantareiras de Pazos de Borbén, con proxección dun documental, palestra, descubrimento dunha placa conmemorativa e unha foliada chea de artistas, reforzando o seu compromiso coa cultura local.
Rodri Míguez: cinco anos normalizando a música galega nas redes
Pola súa banda, Rodri Míguez, creador da canle “@rodrimiguez ”, é finalista por segundo ano consecutivo na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical. Cunha comunidade de máis de 11.000 seguidores en TikTok e 6.000 en Instagram, Rodri leva cinco anos achegando a música galega á mocidade, desmontando prexuízos e normalizando a nosa lingua.

Nunha entrevista con Radio Redondela, Rodri confesou a súa emoción: “O verdadeiro premio é que a industria valore o que fago”. Para el, o recoñecemento dun xurado independente é a recompensa a anos de esforzo. A súa canle reflicte o auxe da música galega, que vive un dos seus mellores momentos históricos, con proxectos diversos e cada vez máis profesionalizados. Desde Fillas de Cassandra a Tanxugueiras, pasando por Grande Amore ou The Rapants, Rodri descobre e promove artistas que conectan con novos públicos.
O seu obxectivo é claro: achegar a música galega á xente nova. “Se non conectamos con eles, non normalizaremos o consumo de cultura en galego”, afirma. A través de vídeos curtos e dinámicos, Rodri presenta estilos que van do pop ao heavy metal, todos en galego, un feito que marca un cambio xeracional. “O galego é político, pero tamén é prestixio”, sentencia, orgulloso de formar parte deste movemento.
Para Rodri, o seu éxito vai coa lingua. “Se fixera isto noutro idioma, non tería sentido nin estaría onde estou”, sentencia. “Crear contido en galego sobre os grupos favoritos da xente xera unha necesidade. Ese é o alicerce do proxecto”, explica.
Proceso de votación
A gala dos Premios Martín Códax celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra, e as votacións están abertas ata o domingo 28 de maio. Votar é sinxelo:
- Crea unha conta en premiosmartincodaxdamusica.gal/vota.
- Puntúa os tres proxectos de cada categoría (de 1 a 3 estrelas, sendo 3 o máximo).
- Vota en polo menos 5 categorías para que o teu voto conte.
Acouga, coa súa proposta conceptual e visceral, e Rodri Míguez, coa súa paixón por visibilizar a música galega, son dous piares do noso panorama cultural.