O debate leva por título “Acceso á cultura e comunicación” e terá lugar no Multiúsos de Arcade este mércores 21 de maio a partir das 16:00 horas con entrada de balde previa inscrición na páxina web do Consello da Cultura galega. Durante o mesmo daranse a coñecer proxectos sobre o acceso á cultura e a defensa dos dereitos culturais.
A comunicación é unha peza fundamental para garantir o acceso á cultura. Galicia é un país cunha poboación envellecida que vive nun territorio disperso, onde a fenda dixital e a falta de recursos limitan de xeito importante o acceso á comunicación do feito cultural e crean fondas desigualdades no territorio.
Nesta actividade do Consello da Cultura galega abordarase a relación entre acceso á cultura e comunicación coa finalidade de obter datos a partir de proxectos culturais e sociais que traballan en distintos eidos, atendendo a que as necesidades de accesibilidade e comunicación son diferentes en cada un deles: audiovisual, editorial, escénicas, arte urbana, música, proxectos comunitarios, deseño, publicidade e contidos dixitais.
Participarán no debate oito proxectos con base na provincia de Pontevedra que presentarán as súas experiencias así como colectivos, empresas e profesionais da cultura, administracións públicas e cidadanía para traballar nunha sesión na que nos cuestionaremos se se comunican eficazmente os dereitos culturais e se facilita o acceso á cultura para todas as persoas.