Fotos de Patry Rivas
O Pavillón Municipal A Bomboneira acollerá a fase final do Campionato de España Infantil de balonmán feminino, que se disputará do mércores 28 de maio ao domingo 1 de xuño. Este fito chega despois de que o SAR Rodavigo, segundo clasificado de Galicia, lograra unha histórica clasificación entre os oito mellores equipos de España no Sector, disputado no mesmo pavillón do 16 ao 18 de maio. O evento, organizado polo Club SAR Balonmán, a Peña Vieira e o Concello de Redondela, encheu de emoción as bancadas e consolidou a Bomboneira como un referente deportivo.
O SAR Rodavigo impúxose con autoridade ante Errotabarri Zuria Infantil (3º de Euskadi), BM Ágreda (1º de La Rioja) e BM Gijón (1º de Asturias), selando o seu pase á fase final, un logro sen precedentes para o club. A adestradora, Xeily Fervenza, non ocultou a súa satisfacción polo rendemento do equipo: “As rapazas saíron enchufadas dende o primeiro minuto, cunha defensa sólida e unha madurez que me enche de orgullo. Temos un grupo de 16 xogadoras que suman todas, algo que marca a diferenza”.
O torneo comezou o venres cunha vitoria contundente do SAR Rodavigo sobre o BM Ágreda (24-13). “Preparamos o partido centrándonos na unión do equipo e na intensidade defensiva, e elas responderon cun xogo moi claro”, explicou Fervenza nun ton que mesturaba satisfacción e ambición. O sábado, as redondelás superaron con claridade a Errotabarri Zuria Infantil (30-18), nun encontro no que, segundo a técnica, “a defensa foi case perfecta e a profundidade do noso banquillo permitiunos manter o ritmo”.

O domingo chegou o momento decisivo contra o BM Gijón, nun partido que mantivo á afección en vilo. O SAR Rodavigo gañou por un axustado 17-15, a pesar dunha segunda parte na que o rival se achegou perigosamente. “Sabiamos que ía ser o encontro máis duro. Tiveron xogadoras espectaculares e unha defensa moi forte. Sufrimos dúas lesións que nos desaxustaron, e na segunda parte os nervios fixéronse notar, pero as rapazas aguantaron con garra ata o final”, relatou Fervenza, quen destacou a capacidade do equipo para sobrepoñerse: “Íamos 12-6 ao descanso, pero Gijón reaccionou. A nosa defensa e a intensidade ata o último segundo foron clave”.
Este éxito supera o rexistro do ano pasado, cando o equipo, debutante no sector e composto integramente por xogadoras de primeiro ano, rematou terceiro do seu grupo e 24º de España. “O ano pasado xa superamos as expectativas, pero este ano fomos un paso máis alá. Estar entre as oito mellores de España é un orgullo inmenso, e facelo xogando en casa, co apoio da nosa afección, é un soño. Por que non aspirar a todo?”, reflexionou Fervenza.
A adestradora tamén quixo destacar o apoio recibido: “O Concello, o noso patrocinador Rodavigo e a Peña Vieira foron fundamentais. A Peña fai un traballo altruísta impresionante, e este mes de maio, con dous sectores e agora o Campionato de España na Bomboneira, está a demostrar unha unión e un esforzo que merecen todo o recoñecemento”. A Bomboneira, ademais, acollerá a fase de ascenso do equipo sénior masculino, consolidando o pavillón como un escenario clave do balonmán galego.

Na fase final, o SAR Rodavigo collerá o grupo 2 e o outro club galego clasificado, o Bueu, xogará no grupo 1. As redondelás estrearanse o mércores ante Handbol Sant Viçenc (4º de Cataluña), continuarán o xoves contra Les Franqueses (1º de Cataluña) e pecharán a primeira fase o venres fronte a IFEM CBM (1º de Andalucía). Coa Bomboneira como fortín e un equipo que combina talento e corazón, o SAR Rodavigo prepárase para facer historia.


